03/04/2018.

Formación prelaboral co EM-PREGATE IV



Un dos obxectivos do Programa Integrado de Emprego, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, é aumentar as posibilidades de acceso ao mercado laboral ordinario por parte dos demandantes de emprego que participan no programa. Para iso, ofréceselles formación prelaboral que permite mellorar a súa empregabilidade, así como adquirir a titulación necesaria para acceder a un posto determinado.

Neste senso, un total de 85 participantes do Programa Integrado de Emprego EM-PREGATE IV están a participar en talleres de formación prelaboral en A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo, os cales comezaron no mes de xaneiro e prolongaranse ata setembro.

Entre as charlas realizadas atópase, por exemplo, unha sobre autoemprego impartida na Coruña, coa que se pretende achegar aos participantes o mundo do emprendemento mediante a motivación, o coñecemento de recursos e as capacidades necesarias. En Ourense, pola súa banda, impartiuse un coloquio sobre xestión da identidade en liña na procura de emprego, xa que hoxe en día é fundamental ter unha imaxe adecuada nas redes sociais e saber controlar as publicacións na Internet de cara á busca dun traballo. 

Outras cuestións abordadas nos talleres que se realizaron nas distintas cidades galegas foron a busca de emprego a través das novas tecnoloxías, a motivación e a orientación vocacional, técnicas de entrevista e o proceso de selección de persoal, ofimática, dereitos e deberes dos traballadores, tipos de contratos laborais ou o funcionamento dunha ETT.

Ademais destas accións formativas, o Programa Integrado de Emprego tamén inclúe unha serie de actividades grupais a través dos Clubs de Emprego, onde se realizan sesións periódicas de intercambio entre os participantes para crear rede e apoiarse mutuamente na busca de emprego. 

Para completar esta formación, os participantes do EM-PRÉGATE IV tamén terán a oportunidade de visitar diversas empresas coa fin de coñecer o seu funcionamento dende dentro. No caso do Club de Emprego de A Coruña, o pasado 19 de marzo visitaron as instalacións de IKEA, onde ademais de coñecer os postos de traballo, funcións e procesos de selección, puideron afondar na historia da empresa, as súas políticas de responsabilidade social e ambiental e as estratexias de marketing.

Estas accións formativas son unha parte fundamental dos itinerarios personalizados de inserción das persoas que participan no programa. Complementariamente, tamén se realiza un traballo de apoio mediante titorías de seguimento individualizado, onde se levan a cabo accións de prospección e intermediación laboral con empresas, así como a firma de convenios de colaboración para a realización de prácticas non laborais en empresas como fase previa e formativa no posto antes da contratación. 
Compartir contido