23/02/2017.

Formámonos para o emprego grazas a FSC Inserta

O emprego é unha vía fundamental para lograr a integración e por iso FEAFES leva anos fomentando a mellora da empregabilidade das persoas con problemas de saúde mental. Unha das vías para logralo é a formación para o emprego, xa que ofrece a oportunidade de ampliar coñecementos e potenciar diferentes habilidades e nocións prácticas.

Neste caso, FSC Inserta, empresa pertencente á Fundación ONCE e especializada na inserción laboral de persoas con discapacidade, ofrece unha serie de accións formativas das que se poden beneficiar as entidades FEAFES a través da Confederación Saúde Mental España.

Principalmente, a formación ofertada inclúe, por unha banda, talleres que fomentan habilidades socio-laborais orientadas á procura de emprego e, por outra, cursos que achegan coñecementos e destrezas de oficios particulares.

Nesta ocasión, distintas asociacións de FEAFES Galicia están a beneficiarse destas accións formativas. Concretamente, AFAES Porta Nova e Lar desenvolveron talleres de alfabetización dixital en nivel inicial e avanzado, Albores levou a cabo o taller “Constrúe o teu camiño cara ao emprego”, APEM está a realizar un curso de oleiro-ceramista de 725 horas e a asociación Avelaíña está a beneficiarse dun curso de xardinería e restauración da paisaxe de 510 horas.

O Programa de Formación para o Emprego co que se poñen en marcha estas accións formativas orientadas á inserción laboral das persoas con enfermidade mental está financiado polo “Programa Operativo de Loita contra a Discriminación 2014-2020” do Fondo Social Europeo e xestionado por FSC Inserta.

Cerámica e xardinería en A Coruña e A Guarda

A asociación Avelaíña é a beneficiaria do curso “xardinería e restauración da paisaxe”, no cal os participantes aprenderán a programar e organizar as actividades necesarias para a instalación, mantemento e conservación de parques e xardíns, así como a restauración da paisaxe e o manexo da maquinaria necesaria. O curso, que se desenvolve na Guarda e no que participan 15 usuarios da asociación, comezou o 13 de febreiro e terminará o 14 de xullo de 2017.

Pola súa banda, a asociación APEM está a realizar o curso “oleiro-ceramista” na Coruña. Nel apréndese a deseñar, valorar e elaborar obxectos cerámicos con fins utilitarios ou decorativos, dándolles forma manualmente ou con axuda de moldes.  Ademais, os alumnos aprenderán a decorar e cocer as pezas seguindo en todo o proceso as normas vixentes de seguridade, hixiene e medio ambientais. Este curso, no que participarán 15 usuarios, comezará o 23 de febreiro e prolongarase ata o 29 de setembro de 2017.

    

      
Compartir contido