02/05/2018.

Formándonos en materia de xénero

O Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e pola Secretaría Xeral de Igualdade, pretende mellorar a situación persoal e laboral de mulleres con problemas de saúde mental a través dun traballo personalizado e individualizado con cada unha delas. 

A este propósito, FEAFES Galicia organiza distintas charlas e talleres onde as mulleres poden potenciar a súa autonomía, elevar a súa autoestima e aprender a valerse por si mesmas. O pasado 30 de abril, a delegación lucense da entidade realizou unha charla sobre a aplicación EscApp para mulleres vítimas de violencia de xénero e outra sobre micromachismos, ás que acudiron sete mulleres participantes no programa. Os mesmos obradoiros serán desenvolvidos tamén nas demais delegacións de FEAFES Galicia, situadas en A Coruña, Ourense, Vigo e Santiago.

EscApp é unha aplicación desenvolvida pola Secretaría Xeral de Igualdade que proporciona información de utilidade ás mulleres que se atopan nunha situación de violencia de xénero e a todas as persoas que poidan axudar a terminar con este tipo de situacións. Ofrece pautas para identificar se alguén está a vivir potenciais situacións de malos tratos, proporciona consellos e indicacións sobre como actuar, tips para a seguridade da muller, preguntas frecuentes, xeoposicionamento con información sobre os recursos existentes en Galicia e un directorio dos mesmos. Igualmente, conta cunha opción para establecer chamada directa co 016 ou co teléfono 900400273 de información ás mulleres.

Os micromachismos, pola súa banda, consisten en prácticas e relacións de dominación masculina sobre a muller no ámbito simbólico e de forma sutil, de tal xeito que pola súa menor intensidade pasa desapercibido, faise cotián e polo tanto é aceptado. Nesta charla explicouse que o primeiro paso para acabar cos micromachismos é ser conscientes da súa importancia como instrumento lexitimador da desigualdade, amosando e analizando exemplos que se dan na actualidade.


Compartir contido