21/02/2019.

Fotografías e demandas en primeira persoa no Día da Xustiza Social



Co motivo da celebración do Día Mundial da Xustiza Social, onte inaugurouse a exposición “Olladas Inclusivas. Ninguén á marxe”, na sede da Xunta de Galicia en San Caetano. No acto estiveron presentes o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente de EAPN Galicia (Rede Galega contra a Pobreza e a Exclusión Social), Antonio Hernández, acompañados de representantes políticos, responsables da Coordinadora Galega de ONGD, da  Plataforma de Infancia de Galicia e de organizacións de acción social.

A exposición “Olladas Inclusivas. Ninguén á marxe” está formada por fotografías de persoas das organizacións membro de EAPN Galicia, así como por 32 demandas e propostas de loita contra a pobreza e a exclusión social que as acompañan, en especial as identificadas nos últimos encontros e seminarios de participación, en Santiago de Compostela ou en Canarias.

Das 32 demandas destacan a esixencia dunha simplificación burocrática importante a todos os niveis para que deixe de ser unha carga excesiva e unha escusa para a culpabilización da persoa que se atopa en situación de pobreza. Tamén asegurar unhas rendas mínimas dignas, a erradicación do chabolismo e a infravivenda, accesibilidade plena ou un plan para familias monoparentais (nun 80% encabezadas por mulleres).

En palabras de Antonio Hernández, “para que as actuacións que se desenvolven dende o Terceiro Sector de Acción Social galego se leven a cabo coa mellor eficiencia e eficacia posible no que á defensa dos dereitos das persoas se refire, é esencial poder manter a interlocución coas administracións públicas, lonxe de medidas asistenciais e paternalistas”. Nesta liña, a exposición pretende poñer o foco sobre algunhas das recomendacións ou indicacións que se deben seguir por parte de entidades, administración e comunidade para favorecer a participación a todos os niveis das persoas en situación de pobreza e exclusión.

Pola súa parte, o Presidente da Xunta de Galicia expresou que “abrir as institucións á sociedade civil faise necesario para que, aínda que non se estea de acordo en todas as demandas que se expoñen, se abra a reflexión e o debate. Deste xeito tamén se poderá garantir mellor tanto o cumprimento e actualización da Axenda Social de Galicia como o avance en materia de Rendas Mínimas áxiles e dignas”.

Para pechar o acto, Beatriz Chaos, Zaida Jiménez e Javier Pérez, en nome das persoas traballadoras, voluntarias ou participantes das entidades membro de EAPN Galicia, deron lectura á Declaración Institucional contra o contra o odio e a intolerancia ás persoas en pobreza ou exclusión, aprobada por unanimidade no pleno do Parlamento de Galicia o pasado Día Internacional para a Erradicación da Pobreza.

Durante o mes que durará a exposición, as fotos e demandas da mesma estarán tamén presentes nas redes sociais coa etiqueta #ContraPobreza.

Vía EAPN Galicia.
Compartir contido