21/04/2020.

“Hoxe, Beatriz é unha peza fundamental na nosa empresa”

Corría o ano 2013 cando Beatriz comezou a acudir ao Servizo de Inserción Laboral e Emprego de Saúde Mental FEAFES Galicia. “Eu estaba un pouco perdida e necesitaba que alguén me informase e me orientase para a procura de emprego”, conta. Así comezou o seu proceso de orientación, capacitación e motivación para inserirse no mundo laboral.

“En Saúde Mental FEAFES Galicia asesoráronme, axudáronme a elaborar o currículo, informáronme de ofertas de traballo, fixen un curso de informática…” conta Beatriz. Coa axuda do persoal de orientación e intermediación laboral, foi definindo aos poucos o seu perfil profesional, adquirindo competencias e desenvolvendo habilidades para enfrontarse ao mundo laboral. Tras probar sorte como operaria de limpeza e como camareira, en 2017 xurdiu a oportunidade de realizar prácticas non remuneradas en FreshCut S.L.

“Ao comezo, Beatriz viña con algúns medos e dúbidas, como case todos, pero é unha persoa moi organizada, pouco a pouco foise integrando e hoxe é unha das pezas fundamentais da nosa estrutura” afirma Eusebio Méndez, xerente de FreshCut. “Sen dúbida é unha persoa na que se pode confiar plenamente, é moi responsable e moi boa compañeira”, engade.

No seu posto de traballo, Beatriz manipula froitas e verduras para elaborar cremas, purés de froitas ou terrinas de froitas. Logo, a empresa distribúeas a supermercados, cadeas de froiterías, residencias e hospitais. Recoñece que, cando lle propuxeron realizar as prácticas en FreshCut, sentiuse un pouco insegura: “Eu aceptei, aínda que non sabía moi ben onde me estaba metendo. Pero díxenme: «bueno, é unha oportunidade que me están dando, non a vou desaproveitar». Era a primeira vez que traballaba nun obradoiro, tiña que empezar a coñecer á xente e facer ben o meu traballo”

O seu empeño, responsabilidade e bo facer quedaron de manifesto cando, ao terminar as prácticas, a empresa ofreceu a Beatriz un contrato laboral. Actualmente leva tres anos no obradoiro de FreshCut e forma parte do persoal fixo da compañía. “Aínda que ás veces siga tendo medos, porque para min cada día é novo e diferente, xa non é o mesmo que ao principio, agora atópome moi ben”, asegura. E, namentres, non perde a oportunidade de dedicar unhas palabras de agradecemento aos técnicos de Saúde Mental FEAFES Galicia que a acompañaron durante todo o proceso de inserción laboral: “A miña relación con eles foi moi boa, sempre estiveron aí cando o necesitei. Valóroo moitísimo; sen eles non sería eu”.

Pola súa banda, Eusebio recoñece que a súa experiencia empregando a persoas con discapacidade, sempre foi moi positiva. “Estas persoas son moi conscientes da oportunidade que se lles dá ao traballar, porque teñen unha dificultade moi grande para atopar postos adaptados ás súas circunstancias, e por iso son moi responsables. Son xente que traballa ben, bos compañeiros, teñen unha responsabilidade moi alta e, sobre todo, son moi comprometidos”, asegura.

FreshCut é un Centro Especial de Emprego onde máis do 70% do persoal está composto por persoas con distintas capacidades. O seu xerente considera que o papel deste tipo de empresas na inserción laboral das persoas en risco de exclusión é claro: “Se analizamos un pouco o mercado laboral, as posibilidades de traballo para estas persoas son moi escasas. Os Centros Especiais de Emprego facilitan que as persoas con discapacidade poidan acceder ao mundo laboral e iso, á súa vez, permite que dalgunha forma tamén se produza unha integración social destas persoas”.

Méndez asegura que en FreshCut o ambiente de traballo é moi positivo, todos entenden as circunstancias dos demais e créanse lazos de relación importantes. “Nótase perfectamente que isto é un sistema de ida e volta: nós estamos contentos co persoal e eles están contentos coa empresa”, asegura. “Ademais, son moi participativos, gústalles facer comidas ou ceas fóra do traballo, e iso ten unha gran importancia a nivel persoal e social”, engade. 


Compartir contido