11/06/2018.

I Máster en Resposta Profesional en Servizos Sociais

A Escola Universitaria de Traballo Social de Santiago de Compostela e Igaxes coorganizan o Máster Propio en Resposta Profesional en Servizos Sociais: persoas con enfermidade mental e infancia e xuventude en risco de exclusión. O curso, que celebrará a súa primeira edición o próximo curso 2018-2019, nace cunha clara vocación profesionalizante.

Constará dun módulo común e dous módulos optativos para que cada alumna/o escolla o seu ámbito de preferencia: intervención coa infancia e a xuventude ou saúde mental. As clases terán lugar na Escola Universitaria de Traballo Social de mércores a venres pola tarde entre setembro de 2018 e maio de 2019.

O programa de prácticas abrangue 425 horas entre febreiro e maio para traballar en proxectos de Igaxes de atención directa con nenos, nenas e persoas mozas; ou en proxectos de FEAFES Galicia -entidade colaboradora do mestrado- de intervención con persoas con problemas de saúde mental.

Ao remate do curso, o alumnado terá acceso a unha bolsa de emprego na que Igaxes e FEAFES Galicia ofertarán 12 contratos de traballo con opción de continuidade.

As persoas interesadas en solicitaren unha das 25 prazas ofertadas poden facer a súa preinscrición a partir do 1 de xuño e ata o 10 de setembro de 2018.

Máis información e condicións do máster.


Compartir contido