04/09/2017.

Informando en primeira persoa

Os próximos días 6 e 7 de setembro, a Confederación Salud Mental España organiza un curso baixo o nome “Informando en primeira persoa” que forma parte do proxecto “In-Formándonos. A autonomía é un dereito”, cofinanciado pola Fundación Bancaria “la Caixa”.

O obxectivo deste curso é dotar ás persoas con problemas de saúde mental da información e das ferramentas necesarias para ser transmisores nos seus territorios e asociacións, facendo un labor de acollida e acompañamento nas diferentes entidades ás que pertencen.

Durante as 10 horas lectivas das que consta o curso, os asistentes aprenderán a identificar os dereitos das persoas con capacidades diversas e os aspectos clave relacionados co concepto de cidadanía. Do mesmo xeito, incidirase tamén no fomento da participación real e efectiva das persoas con problemas de saúde mental nas asociacións da rede Salud Mental España. 

Por outra banda, aos participantes no curso facilitaráselles o acceso ás fontes de información e documentación máis importantes sobre recursos e/ou dispositivos da rede de atención a persoas con problemas de saúde mental. Trátase dun curso que conta cunha metodoloxía activa e participativa, xuntando o traballo individual e o traballo en grupo para que se favoreza o intercambio de ideas a través do debate, a reflexión e dinámicas grupais.

Dende Galicia, acudirá a esta formación Antonio Álvarez, usuario da asociación Doa de Vigo e Cangas. O curso terá lugar na sede da Confederación Salud Mental España, situada na C/Hernández Más, 20-24 en Madrid.


Compartir contido