08/01/2018.

Inserción laboral grazas á Deputación da Coruña

A través das subvencións correspondentes aos programas FOIE (para investimentos de servizos sociais) e FOAXE (para o desenvolvemento de programas de servizos sociais), a Deputación da Coruña colabora con FEAFES Galicia no desenvolvemento do Proxecto de Inserción Laboral para persoas con problemas de saúde mental.

Este proxecto inclúe información, asesoramento, atención e acompañamento na busca activa de emprego a través da realización de itinerarios personalizados de inserción. Para iso, analízanse as necesidades individuais de cada persoa e ofréceselle unha formación específica, tanto transversal como orientada ao emprego concretamente. Neste senso, FEAFES Galicia conta con cursos propios pero tamén deriva aos usuarios a cursos organizados por outras entidades ou organismos, de ser necesario.

Por outra banda, o persoal técnico de FEAFES Galicia realiza intermediación laboral coas empresas e prepara ás persoas demandantes de emprego para as entrevistas de traballo, facendo un seguimento en todo momento tanto das persoas candidatas como do desempeño na propia empresa. Neste senso, o Proxecto de Inserción Laboral para persoas con problemas de saúde mental contempla tamén accións de emprego con apoio, no caso de ser precisas.

Ademais, este ano continúa o desenvolvemento do punto TIC para a busca activa de emprego, onde as persoas usuarias de FEAFES Galicia poden acceder a equipos informáticos con conexión a Internet, teléfono e impresora para poder xestionar así a súa busca de emprego. Deste xeito, dispoñen dun lugar no que poder elaborar e imprimir un CV, facer cartas de presentación, enviar un CV por correo electrónico, inscribirse a portais de emprego, facer unha entrevista de traballo online e todas aquelas actividades vinculadas ao seu proceso de busca activa de emprego que requiran de calquera dos dispositivos dispoñibles.


Compartir contido