13/05/2019.

Jaime Viqueira consolídase como campión de tenis de mesa

O Club do Mar de San Amaro foi, o pasado venres 10 de maio, escenario do IX Campionato de Tenis de Mesa organizado por Saúde Mental FEAFES Galicia. Tratouse dun encontro lúdico e deportivo no que participaron dez asociacións de saúde mental procedentes de toda a comunidade autónoma.

Un total de 59 persoas usuarias de Alba (Pontevedra), Alume (Lugo), Andaina (Dodro e Oroso), APEM (Vimianzo e Cee), Avelaíña (Baiona e A Guarda), DOA (Vigo e Cangas), Lenda (Redondela), Morea (O Barco), Saúde Mental FEAFES Galicia (Vigo) e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal (Narón), trasladáronse ata A Coruña para participar na xornada de tenis de mesa máis multitudinaria ata a data.

O torneo comezou ás 9:30 da mañá e foi ao redor das 13:30 cando se proclamou campión Jaime Viqueira da asociación Lenda, revalidando así o título que xa conseguiu os dous torneos anteriores. O segundo lugar ocupouno Diego Agís da asociación Alba, mentres que o terceiro posto compartírono Imanol Tamayo de Alba e Nicolás Rey de Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal. 

Na entrega de trofeos interviñeron varios membros da Xunta Directiva do Club do Mar de San Amaro, así como o seu director. A maiores dos trofeos que recibiron os campións, elaborados por Kerámicos, todos os asistentes foron agasallados cunha medalla para premiar a súa participación. A continuación, para finalizar a xornada, celebrouse unha comida de convivencia.

O Campionato de Tenis de Mesa ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, as asociacións de Saúde Mental FEAFES Galicia mostran á sociedade a imaxe máis positiva da saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a estas persoas.


Compartir contido