04/03/2019.

James Rhodes ofrece un concerto no cárcere de A Lama

O pianista James Rhodes ofreceu esta mañá un concerto altruísta no salón de actos do cárcere de A Lama, ao que tan só acudiron persoas internas, persoal da prisión e persoal das entidades que colaboran co Programa de Atención Integral a Enfermos Mentais (PAIEM) do Centro Penal. 

A orixe deste evento está nunha carta que o pasado mes de decembro lle enviaron ao pianista 33 persoas internas que participan no programa PAIEM, no cal intervén Saúde Mental FEAFES Galicia a través da asociación Lenda: “Ola James, sorprenderate dende onde te escribimos e a de fronteiras e muros que pode traspasar a túa música”, comezaba o texto, que o convidaba a visitar o centro e destacaba que a súa música lles achegaba “paz e harmonía perfecta en medio de tanta loucura”. Rhodes tardou menos de 24 horas en contestar, dicíndolles que a idea lle "encantaba".

O concerto desta mañá, nun auditorio ateigado e nun respectuoso silencio, comezou co primeiro movemento da Sonata nº 15 de Beethoven. Tamén se escoitaron o Scherzo nº2 de Chopin e a melodía de Orfeo e Eurídice de Gluck.

A idea de convidalo a actuar en A Lama xurdiu despois de que as persoas internas leran o libro Instrumental do pianista e activista contra os abusos a menores. Despois do concerto, Rhodes e as persoas internas conversaron sobre o contido desta obra que describe os abusos que el mesmo sufriu sendo neno, os efectos que isto lle provocou e a forma en que a música o axudou a combater esta situación e a transformar a súa vida para poder "arranxar o que está roto por dentro".

Un dos internos preguntoulle sobre a sensibilidade creativa das persoas con problemas de saúde mental. Rhodes respondeulle que "todo o mundo ten moitas cousas dentro. Para min, a música é a mellor forma de sacalas, a mellor maneira de escapar. Gústame a soidade: eu e o meu piano. A creatividade é unha maneira de facer fronte aos problemas de saúde mental. Canta xente nesta prisión pode pintar, crear música e non temos nin idea?".

Finalmente, Rhodes eloxiou o traballo do programa PAIEM, que este ano cumpre o décimo aniversario da súa implantación no cárcere pontevedrés. O programa pretende dar resposta ás necesidades en materia de saúde mental das persoas internas nos centros penais galegos. Saúde Mental FEAFES Galicia impleméntao grazas a unha colaboración coa Fundación Barrié e a Secretaría Xeral de Institucións do Ministerio de Interior.

Vía Praza Pública.


Compartir contido