10/05/2018.

Juntos Somos Capaces favorece a inserción laboral de 5 persoas en Lugo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o director de Mapfre en Lugo, José María Rañón, e o vicepresidente de FEAFES Galicia e presidente de Alume, Manuel Fernández, presentaron o pasado 9 de maio no salón de plenos do Concello de Lugo unha nova edición do programa Juntos Somos Capaces. Acompañáronos representantes das empresas colaboradoras Allentum, Clece, Lacera e Urbaser.

Este programa, impulsado pola Fundación Mapfre en colaboración con FEAFES Galicia e o Concello de Lugo, pretende favorecer a inserción laboral de persoas con problemas de saúde mental que teñen especiais dificultades de acceso ao emprego e, consecuentemente, atópanse en risco de exclusión.

Grazas a este programa, 5 persoas realizarán prácticas nas empresas Clece, Lacera e Calfensa con posibilidade de contratación posterior, e a finais de ano outro grupo de persoas incorporaranse a Urbaser. Nos últimos 10 anos, máis de 70 persoas con problemas de saúde mental realizaron prácticas en empresas que prestan servizos municipais en Lugo ao abeiro do programa Juntos Somos Capaces.

Lara Méndez sinalou a importancia deste programa en favor da “igualdade de oportunidades, que todas as persoas poidan acceder a un posto de traballo en igualdade de condicións. Todos temos capacidades e discapacidades; trátase de buscar en que somos bos cada un de nós”. 

Ademais, a alcaldesa felicitou a FEAFES Galicia polo seu “imprescindible labor 365 días ao ano”, do mesmo modo que agradeceu a aposta da Fundación Mapfre por impulsar e manter este programa social, e ás empresas adxudicatarias de servizos municipais “a súa responsabilidade social corporativa”.



Compartir contido