13/06/2017.

Kerámikos, un taller de cerámica máis grande

Onte, luns 12 de xuño, foi inaugurada a ampliación do centro Kerámikos de APEM, un taller de cerámica artesanal que dende onte conta cun espazo máis amplo grazas á colaboración da Deputación de A Coruña. O acto estivo presidido pola presidenta de APEM, Antonia Pérez Amieiro, a Deputada de Benestar Social, Ánxela Franco, e o director do taller Kerámikos, Miguel Burgos. 

Os representantes da asociación explicaron que o obxectivo de Kerámikos é realizar actividades ocupacionais que doten de competencias profesionais ás persoas con problemas de saúde mental, co fin último de lograr a súa integración sociolaboral. A Deputada de Benestar Social, pola súa parte, indicou que consideran necesario axudar a financiar este tipo de obras xa que se trata dunha demanda das propias entidades que non teñen recursos para afrontar investimentos que lles permitan manter e mellorar o seu labor.

Tras as intervencións, os asistentes ao acto puideron visitar as distintas aulas do taller e ver como os usuarios realizan as pezas artesanais. En Kerámikos poténciase a área prelaboral das persoas con problemas de saúde mental e se lles acompaña no proceso previo á incorporación ao mercado laboral, fomentando así a súa autonomía persoal e social. A actividade deste centro é de especial relevancia porque permite labrar un futuro laboral para estas persoas, facilitando así o seu camiño cara unha verdadeira inserción social.

A asociación APEM leva 37 anos traballando a prol das persoas con problemas de saúde mental nas localidades de A Coruña, Betanzos, Cambre, Carballo, Cee e Vimianzo. Entre os programas que desenvolve, atópanse o adestramento en habilidades sociais e en actividades da vida diaria, actividades de lecer, psicoeducación, prevención de recaídas, terapia ocupacional, apoio ás familias e actividade prelaboral. O seu obxectivo é fomentar a autonomía das persoas con problemas de saúde mental e dos seus familiares, favorecer a súa integración sociolaboral e mellorar, así, a súa calidade de vida.

   
Compartir contido