04/07/2016.

Lenda e Alba, no máis alto do podium

Deportividade e diversión foron os ingredientes clave na xornada do pasado 2 de xullo, un encontro no que os equipos de fútbol sala das asociacións de FEAFES Galicia demostraron que iso do deporte non se lles resiste nin un pouquiño.

O X Campionato de Balompé “Todos polo fútbol” tivo lugar no Pavillón do Restollal, en Santiago de Compostela, dende as 10:00 da mañá ata as 17:00 da tarde. Nel congregáronse futbolistas, monitores e familiares que non quixeron perderse esta esperada cita, que dende fai anos ocupa un sitio destacado nas axendas das asociacións participantes.

Tras múltiples encontros que se sucederon ao longo da mañá, as asociacións Alba de Pontevedra e Lenda de Redondela quedaron finalistas, disputando o partido final ás 16:30 cun resultado a favor da segunda. Non obstante, Alba tamén merece un especial recoñecemento por ser a gañadora da Liga FEAFES Galicia, sendo premiada a súa constancia e continuidade ao longo de todo o ano.

     

Ás 17:15 tivo lugar a entrega de trofeos, na que contamos coa presenza da Concelleira de Igualdade e Turismo de Compostela, Marta Lois. Os catro equipos que encabezaron a clasificación recolleron os seus galardóns: a asociación Lenda de Redondela recibiu o primeiro premio e a asociación Alba de Pontevedra o segundo, mentres o equipo de FEAFS Vigo e a asociación Doa de Vigo e Cangas recolleron os terceros permios. 

Ademais, entregouse un trofeo especial ao máximo goleador da liga e mellor xogador, que recaeu sobre Brais Lourido da asociación Lenda, así como ao mellor porteiro, que correspondeu a Javier San Juan de FEAFES Vigo. A maiores, todos os xogadores recibiron unha medalla pola súa participación na competición.

Este torneo de balompé foi o cumio dunha liga interasociativa que se levou a cabo dende setembro ata xuño. Os equipos participantes pertencen a seis entidades de FEAFES Galicia: Alba (Pontevedra), Doa (Vigo e Cangas), FEAFES Vigo, Lar (Vilagarcía), Lenda (Redondela)e Morea (O Barco). Ademais, no torneo tamén participaron os equipos de FEAFES Santiago e FEAFES Lugo que, se ben non puideron xogar na liga de FEAFES Galicia dada a súa recente formación, disputaron un partido amistoso para darse a coñecer ante os demais equipos.

     

Deporte e saúde mental

O evento, organizado polo departamento de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia, ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con enfermidade mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, FEAFES Galicia amosa á sociedade a imaxe máis positiva das persoas con enfermidade mental, loitando de modo activo contra os estereotipos negativos e os falsos prexuizos que se asocian a estas persoas.

As actividades organizadas polo servizo de Ocio e Deportes da federación axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ós familiares na súa tarefa de coidadores.

     
Compartir contido