09/07/2018.

Lenda e Morea fanse co podium



O XII Campionato de Balompé “Todos polo fútbol” tivo lugar no Pavillón de Santa Isabel, en Santiago de Compostela. Nel congregáronse xogadores, monitores e familiares que non quixeron perderse esta cita, que dende fai anos ocupa un sitio destacado nas axendas das asociacións participantes.

Ás 10:00 comezaron os primeiros encontros entre os distintos equipos, que confluíron a última hora de mañá nas semifinais disputadas entre Lenda (Redondela) e Lar (Vilagarcía de Arousa) por un lado, e Alba (Pontevedra) contra Morea (O Barco de Valdeorras) por outro. Finalmente, foron Lenda e Morea quen conseguiron chegar á final, alzándose Lenda como campioa do XII Campionato de Balompé nun emocionante encontro.

Ademais da Copa, nesta xornada deportiva disputouse tamén a final da Liga de Saúde Mental FEAFES Galicia entre o campión do Grupo Norte e o campión do Grupo Sur, que resultaron ser, novamente, Morea e Lenda. Aínda que o equipo ourensán púxollo difícil aos de Redondela, foron estes últimos os que se alzaron, tamén, co título de campións de Liga.

Ás 17:15 tivo lugar a entrega de trofeos, na que contamos coa presenza da Concelleira de Xuventude, Deportes, Mercados e Benestar Animal de Santiago de Compostela, Noa Morales. Os catro equipos que encabezaron a clasificación recolleron os seus galardóns: Lenda, Morea, Lar e Alba. A maiores, todos os xogadores recibiron unha medalla pola súa participación na competición.

Os equipos de Doa (Cangas e Vigo), FEAFES Lugo, FEAFES Vigo e FEAFES Santiago completaron o cadro de competición deste torneo, ademais de contar coa presenza nas gradas da asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal que acudiu para animar aos equipos participantes.

Deporte e saúde mental

O evento, organizado polo departamento de Ocio e Deportes de Saúde Mental FEAFES Galicia, ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, o movemento asociativo amosa á sociedade a imaxe máis positiva das persoas con problemas de saúde mental, loitando de modo activo contra os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a este colectivo.

As actividades organizadas polo servizo de Ocio e Deportes axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e dos seus achegados, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro aos familiares na súa tarefa de coidadores.

Compartir contido