26/02/2020.

Loitando contra a aporofobia e a desinformación

O pasado 20 de febreiro, Día da Xustiza Social, EAPN Galicia organizou, xunto á Escola Galega de Administración Pública (EGAP), a xornada “Como loitar contra a aporofobia, o odio e a desinformación desde a administración pública”. O seu obxectivo era tratar de evitar e previr situacións de discriminación, culpabilización ou aporofobia que se poidan dar no marco da administración pública debido aos prexuízos e os estereotipos que existen cara ás persoas en situación de pobreza ou exclusión social.

O seminario estivo dirixido a persoal das Administracións Públicas galegas, autonómicas ou locais, así como a persoas traballadoras ou voluntarias das organizacións de acción social e de cooperación. A través da formación e o debate construtivo, procurouse fortalecer o compromiso ético cos dereitos das persoas por parte dos profesionais do sistema de Servizos Sociais, animando á reflexión e facilitando ferramentas para a prevención de conflitos e, en definitiva, mellorar a relación entre a cidadanía e as administracións públicas.

Entre as intervencións realizadas, houbo un espazo para debater acerca da discriminación que sofren determinados grupos de persoas por mor dos prexuízos e o descoñecemento. Nela participou Ana  Escrigas, responsable de comunicación de Saúde Mental FEAFES Galicia, falando do estigma que existe cara ás persoas con problemas de saúde mental e como este dificulta enormemente o seu día a día. Nesta mesa, Ana estivo acompañada de Alba Iglesias, de Down Galicia, e de Irene Jiménez, de Fundación Secretariado do Xitano. 

A xornada abriuse co relatorio da escritora Sara Mesa, autora do libro «Silencio administrativo», sobre como a burocratización extrema está a afectar ás persoas en situación de pobreza ou exclusión. Tamén se presentaron as posibilidades e recursos dispoñibles en Galicia para a atención ás vítimas, destacando as sete oficinas presentes nos xulgados de A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Tamén se contou coa presenza de Natalia Monge, comunicadora experta na loita contra o discurso do odio e o fomento do discurso alternativo, ou María Paz, experta en cooperación internacional e en educación transformadora. Tamén interviñeron expertas no apoio ás vítimas como Eva Serrano, fiscal especializada no Ministerio de Xustiza, ou Adelaida Vega, da Dirección  Xeral de  Xustiza da Xunta de Galicia, ou da loita contra os delitos de odio como Tomás Fernández Villazala, do Ministerio do Interior.


Compartir contido