02/05/2017.

Máis preto do mundo laboral

Un total de 13 usuarios de FEAFES Galicia están a realizar prácticas en empresas concesionarias do Concello de Lugo no marco do programa Juntos Somos Capaces de Fundación MAPFRE. Grazas a esta iniciativa, estas persoas que se atopan en situación de desemprego de longa duración están a demostrar as súas destrezas nun posto de traballo con posibilidade de contratación posterior.

A través das prácticas, os demandantes de emprego do programa Juntos Somos Capaces adquiren experiencia en tarefas de diversa índole como a limpeza xeral e a limpeza viaria, que é o caso das participantes que están a realizar prácticas en URBASER S.A. Para iso, reciben o apoio e seguimento necesario por parte dos profesionais especializados de FEAFES Galicia.

As prácticas non laborais permiten promover o desenvolvemento profesional dos seus participantes desde unha perspectiva eminentemente práctica, a través da aprendizaxe en situacións laborais reais, favorecendo a consolidación de coñecementos e a adquisición de hábitos laborais e habilidades interpersoais, factores crave para o rendemento e o encaixe de calquera traballador nun posto de traballo.

Á súa vez, ofréceselles ás empresas colaboradoras a oportunidade de incorporar persoal cunha determinada cualificación e coa vantaxe adicional de ser formado dende o inicio no marco da súa cultura organizacional, enriquecendo o seu capital humano. As prácticas non laborais tamén permiten eliminar o descoñecemento e prexuízos existentes na sociedade sobre as capacidades laborais e produtivas das persoas con problemas de saúde mental.


Compartir contido