24/01/2020.

Material de belas artes grazas ao proxecto Disorders

Fai uns anos, Carlos Morales, informático de profesión e músico de paixón, puxo en marcha un proxecto artístico que pretendía dar a coñecer os problemas de saúde mental a través da música. Así naceu Disorders, un disco que contén cancións escritas por persoas que coñecen esta realidade en primeira persoa e que contan a súa experiencia cos problemas de saúde mental.

Sen embargo, Disorders non tardou en tomar vida propia e converteuse nun proxecto artístico multidisciplinar que tamén inclúe debuxos e pinturas realizadas por persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Galicia e das súas asociacións DOA Saúde Mental e A Mariña.

Coa recadación obtida a través das distintas actividades que se levaron a cabo no marco deste proxecto, como a venda de merchandising ou unha campaña de micromecenazgo, Carlos Morales fixo unha doazón de 1.500€ a Saúde Mental FEAFES Galicia. 

Ese diñeiro foi invertido en material de belas artes que se repartiu entre as asociacións que participaron na iniciativa -DOA Saúde Mental, A Mariña e Saúde Mental FEAFES Vigo-, respondendo ás necesidades de cada unha delas e coa fin de que sigan potenciando o seu traballo artístico e creativo. 


Compartir contido