24/04/2020.

Medidas xurídicas adoptadas pola COVID-19: todo o que debes saber

O Servizo de Asesoría Xurídica de Saúde Mental FEAFES Galicia quere manter informadas ás persoas usuarias da entidade sobre as medidas xurídicas adoptadas polo goberno como consecuencia da COVID–19. Por iso, elaborou unha guía que recolle aquelas disposicións legais que poden ter maior repercusión para as persoas con problemas de saúde mental e as súas familias.

No eido laboral, o documento inclúe medidas para a protección do emprego, como a limitación aos despedimentos por motivos provocados pola COVID-19, ou medidas para a protección en casos de desemprego ou cese de actividade, como as prestacións por desemprego para persoas traballadoras en distintas circunstancias.

A guía tamén recolle axudas en materia de créditos hipotecarios e non hipotecarios, medidas relativas á vivenda (suspensión dos desafiuzamentos, prórroga dos alugueres, moratoria das débedas por aluguer, subministracións...), e outras medidas de protección ás persoas consumidoras e usuarias.

Por outra banda, o Servizo de Asesoría Xurídica quere lembrar ás persoas usuarias que seguen á súa disposición para resolver calquera dúbida no seu horario habitual: luns e mércores de 09h a 14h, venres de 10h a 14h, e martes e xoves de 16h a 19h. Para facer consultas, as persoas usuarias deben contactar co persoal técnico de referencia da súa delegación, quen enviará as dúbidas aos asesores xurídicos e estes as resolverán telefonicamente o antes posible.

Accede á Guía de medidas xurídicas adoptadas polo Goberno como consecuencia da COVID-19.

Compartir contido