18/04/2017.

Micromachismos: formámonos en temas de xénero

O pasado 5 de abril, FEAFES Galicia acolleu en Lugo unha charla sobre micromachismos e outros temas de xénero, da que se beneficiaron un total de 12 mulleres con problemas de saúde mental. Impartida pola técnico do CIM de Lugo, Belén Regueiro, esta charla enmárcase no Programa de Atención Integral a Mulleres cunha Discapacidade por Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

No coloquio abordouse o concepto de micromachismo, que consiste en prácticas e relacións de dominación masculina sobre a muller no ámbito simbólico e de forma sutil, de tal xeito que pola súa menor intensidade pasa desapercibido, faise cotián e polo tanto é aceptado. A técnico do CIM de Lugo explicou que o primeiro paso para acabar cos micromachismos é ser conscientes da súa importancia como instrumento lexitimador da desigualdade. 

Ao longo das 2 horas que durou a charla, tratáronse tamén outros temas como as desigualdades entre homes e mulleres ou os mitos sobre o amor romántico, todo coa fin de que as participantes puideran adquirir información, concienciarse e sensibilizarse sobre estas cuestións de xénero.

O Programa de Atención Integral a Mulleres cunha Discapacidade por Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade pretende mellorar a situación persoal e laboral de mulleres con problemas de saúde mental a través dun traballo personalizado e individualizado con cada unha delas. Ademais, no marco deste programa tamén se organizan charlas específicas para mulleres como a dos micromachismos ou a que se realizará proximamente sobre igualdade laboral. Temas como o manexo da enfermidade ou a aplicación ESCapp para vítimas da violencia de xénero son outras das cuestións que se traballan no marco deste programa. 


   
Compartir contido