14/09/2015.

Miguel Gutiérrez, campión do Campionato de Pingpong

O Pavillón de Romarigo foi, o pasado 11 de setembro, escenario do III Campionato de Pingpong pola saúde mental organizado por FEAFES Galicia e a asociación Doa. Tratouse dun encontro lúdico e deportivo no que participaron sete entidades de saúde mental procedentes de toda a comunidade autónoma.

Un total de 45 usuarios das asociacións Alba (Pontevedra), Apem (Cee), Avelaíña (A Guardia e Baiona), Doa (Cangas e Vigo), FEAFES (Santiago e Vigo), Morea (O Barco de Valdeorras) e Portanova (Narón) trasladáronse ata Cangas do Morrazo para disfrutar desta xornada. A eles sumáronse outros tantos acompañantes que disfrutaron do evento dende as gradas.

A xornada transcorreu cun ambiente inmellorable dende as 09:30 da mañá, hora á que comezaron a chegar os primeiros participantes. Unha hora despois daban comezo os partidos individuais que se xogaron simultaneamente en 8 mesas dispostas para a ocasión. 

Arredor das 14:00 proclamábase campión o cangués Miguel A. Gutiérrez, pertencente á asociación Doa, non se antes vivir unha final e unhas semifinais repletas de emoción. O contrincante de Gutiérrez no partido final foi Darío Vila, da asociación Morea de O Barco, que acadou o segundo posto. Tras el, Emilio Figueiredo e Manuel Bermúdez lograron o terceiro e cuarto postos da clasificación. 

Os trofeos foron entregados por distintas persoas pertencentes ás entidades organizadoras e colaboradoras do evento, ademais de contar coa participación de Alberto Fernández, campión galego de pingpong para persoas con discapacidade, que arbitrou o partido final e entregou o primeiro galardón.

Ademais dos trofeos que recibiron os campións, todos os asistentes foron agasallados cunha medalla para premiar a súa participación, e a continuación, celebrouse un xantar de convivencia no Camping Cangas da Praia de Liméns. Cabe destacar tamén a colaboración do Concello de Cangas, a Fundación Cangas Deporte, o Club Cinania Tenis de Mesa e Froiz, que nos prestaron a súa axuda desinteresada para a realización deste torneo. 


Compartir contido