06/07/2015.

Morea O Barco, gañadora do IX Torneo de Balompé “Todos polo fútbol”

    


O sábado 4 de xullo ás 9:30 da mañá, o pavillón de Santa Isabel en Santiago de Compostela xa comezaba a espertar coa chegada dos primeiros equipos participantes no IX Campionato de Balompé de FEAFES Galicia. Este torneo é o cumio dunha liga de fútbol sala na que participan distintas asociacións de FEAFES Galicia ó longo de todo o curso. 

Alba (Pontevedra), Apem (A Coruña, Cambre e Cee), Doa (Vigo e Cangas), FEAFES Vigo, Lar (Vilagarcía), Lenda (Redondela), Morea (O Barco) e Portanova (Narón) foron os equipos que se deron cita este ano neste encontro deportivo que xa se converteu nunha convocatoria imprescindible para usuarios e familiares das citadas asociacións. 

Tras toda unha mañá de encontros clasificatorios, ás 13:00 chegaron as semifinais con dous emocionantes partidos: Morea (O Barco) enfrontouse a Apem (Cambre) nun partido que deu a vitoria á formación ourensá; e Lenda (Redondela) viuse a cara con Apem (Coruña) resultando gañador o equipo pontevedrés. 

Ó medio día houbo unha merecida parada para recargar enerxías e encher o bandullo antes da esperada final. Para iso, os xogadores e acompañantes aproveitaron o entorno de Santa Isabel para disfrutar dun picnic ó aire libre ou ben sentarse a comer con calma nalgún dos restaurantes da zona. 

Ás 16:30 volveu soar o pito no pavillón de Santa Isabel e deu comezo o encontro final deste torneo interasociativo. Lenda (Redondela) e Morea (O Barco) deixáronse a pel no terreo nun partido que estivo moi reñido e que deixou fermosas xogadas por parte dos dous equipos. Finalmente, o marcador concedeu a vitoria ó equipo de O Barco provocando unha gran celebración tanto nas gradas como no campo. 

A entrega de premios correu da man do presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, e a Concelleira de Xuventude, Deportes e Benestar Animal do Concello de Santiago, Noa Morales. O primeiro dedicou unhas palabras tanto ós xogadores como á bancada destacando o gran progreso que experimentaron todos os xogadores dende que comezaron a practicar este deporte. 

Os catro equipos que encabezaron a clasificación recibiron un trofeo como recoñecemento ó seu resultado: en primeiro lugar Morea (O Barco), en segundo lugar Lenda (Redondela), e en terceiro lugar Apem (Cambre) e Apem (Coruña). Ademais destes galardóns, entregouse un premio especial ó máximo goleador da liga, que recaeu sobre Brais Lourido da asociación Lenda, e ó mellor xogador, que correspondeu a Juan Álvarez da mesma asociación. Ademais, todos os xogadores recibiron unha medalla pola súa participación. 

Rematada a xornada, tan só nos queda agradecer a asistencia e boa disposición de todos os equipos participantes, así como das estupendas aficións que animaron o campionato durante todo o día. Cabe destacar tamén a colaboración de empresas e entidades como Gadis, a Comisión Territorial de Santiago do Comité Técnico de Árbitros de Fútbol Sala, o Servizo de Deportes do Concello de Santiago e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

    
Compartir contido