09/03/2018.

MoreaShow enche o teatro na estrea de “Alicia no País”

O pasado 2 de marzo, o grupo de teatro da asociación Morea foi o protagonista no teatro municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras coas estrea da súa nova obra, "Alicia no País". Con case cheo total, os actores deron o mellor de si sobre o escenario facendo aos asistentes gozar dunha gran tarde.

O grupo de teatro “MoreaShow” naceu no ano 2010 grazas ao traballo conxunto de voluntarios, traballadores e usuarios de Morea O Barco. Déronse a coñecer coa súa primeira obra, “Concerto para estación de autobuses”, representada no festival de teatro da Rúa en 2010. 

No ano 2011 lanzouse “Radio  Carqueixa, Onda  curta” un programa de radio con noticias de Valdeorras para a xente valdeorresa. Tras o éxito desta última obra, MoreaShow quixo achegar o seu graíño de area escribindo “Radio  Carqueixa, en  crise de valores”, que contaba, en ton de humor e con música, a situación de crise actual.
 
No ano 2013, MoreaShow cambia de rexistro e cabalga cara ao oeste con “Spaguetti con  chourizo  Western”, obra coa que gañou o I Certame Nacional de teatro da Fundación Igualarte de Vigo. En 2015, MoreaShow aposta polo microteatro e presenta “Microencontros: pequenos momentos de humor”, formato pouco coñecido e con moita dificultade á hora de actuar, coa que gañou o III Certame Nacional de teatro da Fundación Igualarte de Vigo.

Este ano 2018, tras un duro ano de traballo por parte de voluntarios, usuarios e traballadores, e coa axuda inestimable do director Gabriel Prada, presentan unha nova obra, unha adaptación divertida e única que emocionou ao público valdeorrés. O prezo da entrada foi un donativo de tres euros destinados á asociación.

Vía Somos Comarca.


Compartir contido