06/03/2018.

Motivación para a busca de emprego en APEM

O pasado xoves 1 de marzo, unha das orientadoras laborais de FEAFES Galicia en A Coruña, Cristina Rivas, acudiu ás instalacións da asociación APEM na praza dos Chopos para impartir un obradoiro relacionado coa inserción laboral. O obxectivo do mesmo era incrementar a motivación dos participantes para a busca de emprego, así como coñecer as principais ferramentas e recursos orientadas a iso.

Na sesión, que tivo unha duración de 3 horas, participaron un total de nove usuarios. O obradoiro combinou a exposición teórica dos contidos co visionado de vídeos e unha serie de actividades cos participantes, tanto a nivel individual como grupal.

A formación tratou de promover nos participantes unha actitude axeitada para implicarse activamente no proceso de busca de emprego, así como dotalos de coñecementos básicos para afrontar dun xeito eficaz este proceso. Preténdese que sexan capaces de utilizar as ferramentas de procura de emprego, manexar os recursos e xestionar a información como parte do seu proceso de inclusión sociolaboral.

Este taller resultou froito dunha reunión mantida entre a delegación coruñesa de FEAFES e a asociación APEM, na cal se definiron unha serie de accións orientadas á mellora da coordinación entre ambas entidades. Neste caso, o obxectivo era motivar e preparar aos usuarios de APEM para a seguinte fase no seu proceso de rehabilitación, que é o acceso ao mundo laboral.


Compartir contido