10/04/2018.

Motivación para a procura de emprego en Cee

O pasado luns 26 de marzo, unha das orientadoras laborais de FEAFES Galicia na Coruña, Francisca Pérez, acudiu ás instalacións da asociación APEM en Cee para impartir un taller relacionado coa inserción laboral. Con esta acción preténdese incrementar a motivación das persoas participantes cara á procura de emprego, así como dotalas de coñecementos básicos para abordar ese proceso.

Esta sesión, na que participaron 6 persoas en situación de desemprego usuarias da asociación  APEM Cee, foi desenvolvida polo servizo de inserción laboral e emprego de FEAFES Galicia no marco das súas accións de información, orientación e busca de emprego, financiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Servizo Público de Emprego de Galicia.

A formación tratou de promover nos participantes unha actitude adecuada para implicarse activamente no proceso de procura de emprego, así como dotalos das principais ferramentas e recursos orientadas a iso. Preténdese que sexan capaces de utilizar as ferramentas de busca de emprego, manexar os recursos e xestionar a información como parte do seu proceso de inclusión sociolaboral. 

O taller plantexouse como unha acción  grupal que combinou a exposición teórica dos contidos cunha serie de actividades prácticas coas persoas participantes. A través desta acción, favoreceuse a motivación e preparación dun grupo de persoas usuarias de APEM Cee para a seguinte fase no seu proceso de rehabilitación, que é o acceso ao mundo laboral.


Compartir contido