06/03/2020.

Mulleres con problemas de saúde mental reivindican os seus dereitos no 8M

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, o próximo 8 de marzo, a Rede Estatal de Mulleres SALUD MENTAL ESPAÑA lanza un manifesto no que expón unha serie de reivindicacións coas que esixen o respecto dos seus dereitos fundamentais, constante e reiteradamente vulnerados en numerosos ámbitos da vida cotiá.

As barreiras de acceso á xustiza en igualdade de condicións, así como aos servizos de protección fronte á violencia machista e aos mecanismos de reagrupamento e acollida, ou a necesidade dunha educación non sexista e a preservación dos dereitos fundamentais e a autonomía, son algunhas das denuncias e reivindicacións que se expoñen no manifesto, asinado e apoiado polas 25 mulleres que integran a Rede, e que representan ás entidades que forman parte da Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA. 

Estas demandas constitúen, ademais, os eixos ao redor dos cales se desenvolve a campaña #MujeresRedSaludMental, que se lanzará o próximo día 8 de marzo en redes sociais, para visibilizar mediante varias ilustracións e animacións a situación e as reivindicacións das mulleres con problemas de saúde mental, e tentar chegar ao maior número de persoas posible e, sobre todo, á poboación máis nova.

Neste mesmo documento, a Rede salienta e lembra que “as desigualdades estruturais baseadas no xénero provocan que ser muller sexa un factor de risco para ter un problema de saúde mental. Así o recoñece a Organización Mundial da Saúde (OMS) cando sinala que o xénero afecta de maneira fundamental á saúde mental. De feito, as mulleres temos 3 veces máis risco de desenvolver depresión, o problema de saúde mental máis frecuente e que será a principal causa de discapacidade no mundo”.

María Isabel García Pena, integrante da Rede Estatal de Mulleres SALUD MENTAL ESPAÑA como representante da Federación de Euskadi de Asociacións de Familiares e Persoas con  Enfermidade Mental (FEDEAFES), explica que este manifesto é o resultado de case un ano de traballo en común e de reflexión: “nace do noso empoderamento e é fiel reflexo de que somos nós as que temos que facernos escoitar e de que somos perfectamente capaces de loitar para defender os nosos dereitos”.

O dobre estigma

Desde a Rede denuncian o dobre estigma ao que se ven sometidas as mulleres con problemas de saúde mental, pola súa “condición de mulleres e o noso estado de saúde mental”. Neste sentido, explican como os prexuízos construídos ao redor dos trastornos mentais fan que a sociedade as considere “como seres asexuados ou hipersexuais, considérasenos menores de idade, non aptas para ser nais, incapaces de manter unha relación de parella, de recibir unha educación ou de soster argumentos veraces”, recolle o manifesto.

Destas preconcepcións derívanse incalculables situacións de discriminación, descrédito e  invisibilización que as mulleres da Rede veñen denunciando desde fai tres anos e que agora sacan á luz a través deste manifesto. Neste sentido, estas mulleres acusan, por exemplo, o trato que reciben cando van a unha consulta médica, onde os e as profesionais da sanidade néganlles toda credibilidade e infravaloran o problema de saúde polo que acoden á consulta, achacándoo a un síntoma do problema de saúde mental. 

De igual maneira, ocorre co acceso á xustiza en condicións de igualdade. “A desconfianza no noso testemuño, as dificultades que atopamos para poder identificar situacións de violencia a causa do autoestigma ou de ser incapacitadas xudicialmente, victimízanos dobremente”, recriminan no manifesto.

Segundo datos oficiais, estímase que a metade das persoas con problemas de saúde mental son mulleres e, con todo, foron “historicamente silenciadas”. Neste punto, a Rede Estatal de Mulleres SALUD MENTAL ESPAÑA lembra tamén que “ninguén está exento nin a salvo de desenvolver un problema de saúde mental”. De feito, a Organización Mundial da Saúde estima que unha de cada catro persoas ten ou terá un problema de saúde mental ao longo da súa vida, e advirte de que en 2030 a depresión será a principal causa de discapacidade no mundo.

A violencia contra a muller na aparición e agravamento dos problemas de saúde mental 

O risco que ten unha muller con problemas de saúde mental de sufrir violencia na parella multiplícase entre 2 e 4 veces respecto ás mulleres en xeral. A evidencia está en que o 80% das mulleres con problemas de saúde mental que vive en parella sufriu algún tipo de violencia por parte de dita parella, máis da metade sufriu violencia física, e máis do 40% foi vítima de violencia sexual ao longo da súa vida. Concretamente, a infancia é a etapa máis vulnerable. Nesta etapa da vida, a porcentaxe de abuso sexual en nenas é moi elevado, xa que alcanza ao 26%.

Cando se dan estas violencias, o 42% das mulleres recoñece non identificalas como tales, e a quen si as recoñece e as denuncia, non se lle dá credibilidade debido ao seu trastorno mental.

A pesar destes datos e da conexión que existe entre a violencia machista e a aparición e/ou o agravamento de problemas de saúde mental, as mulleres con estes problemas “atopamos numerosas dificultades para acceder aos recursos de protección fronte á violencia machista, que tampouco é adecuadamente tratada nos dispositivos de saúde mental, polo que quedamos en terra de ninguén”, recrimina María Isabel, quen ademais non quere deixar pasar a oportunidade para visibilizar a violencia que sofren, xa non só por parte das parellas, senón doutras persoas da contorna da muller.

A violencia contra a muller está recoñecida polo Convenio de Istambul de 2011 (o primeiro instrumento de carácter vinculante no ámbito europeo en materia de violencia contra a muller) como unha violación dos dereitos humanos e como unha forma de discriminación.

Para o traballo no manifesto e a súa publicación, así como para a campaña en redes sociais, a Rede contou co financiamento do anterior Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social a través da Convocatoria de Subvencións con cargo ao IRPF.

Ler o manifesto da Rede de Mulleres SALUD MENTAL ESPAÑA.


Compartir contido