20/06/2019.

Nova formación para mulleres con problemas de saúde mental

O Programa de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade, pretende mellorar a situación persoal e laboral de mulleres con problemas de saúde mental a través dun traballo personalizado e individualizado con cada unha delas. Para iso, facilítaselles información e asesoramento, realízanse accións formativas, aténdense urxencias e trabállase coordinadamente con outros recursos. 

Dentro das accións formativas que se desenvolven no marco deste programa, durante os meses de maio e xuño realizáronse nas distintas delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia unha serie de talleres que abordaron aspectos como a autoestima ou a afectividade.

Concretamente, organizouse un obradoiro de “Autoestima e autocoidados” que tivo lugar en Vigo o 8, 15 e 22 de maio; en Lugo o 23 de maio; e en Ourense o 11 do mesmo mes. Este taller ten como obxectivo principal que as participantes afonden no concepto que teñen de si mesmas a través do coñecemento e o coidado propios. Para iso, realizáronse actividades experienciais nas que se indagaron naquelas cousas que inflúen na autoestima de e se traballaron estratexias para mellorala. Dende un clima de aceptación, confianza e seguridade, reforzáronse as cualidades e capacidades das mulleres participantes.

Por outra banda, o taller “Afectividade, sexualidade e anticoncepción” celebrouse en A Coruña o 15 de maio; en Vigo os días 29 de maio e 5 de xuño; e en Ourense o 18 de xuño. Neste obradoiro, a través de diferentes dinámicas, foron articulándose os conceptos de sexualidade e afectividade, falouse da saúde sexual e reprodutiva das mulleres, sexuación, erótica e orientación do desexo. Para estas sesións contamos coa colaboración dos Centros Quérote+, que nos axudaron a comprender, ampliar e afianzar os conceptos abordados.


Compartir contido