12/04/2016.

O 46,8 por cento da cidadanía galega non marca o recadro de Fins Sociais



As entidades do terceiro sector galego xuntáronse en Santiago esta mañá, representadas por EAPN-Galicia, CERMI-Galicia e a Coordinadora Galega de ONGD, para facer balance das cifras recadadas o ano pasado en Galicia mediante a asignación do 0’7% do IRPF ao recadro de Fins Sociais (Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social). Na rolda de prensa presentouse tamén a campaña X Solidario deste ano, que informa e anima ás persoas contribuíntes para que marquen o recadro de Fins Sociais á hora de facer a súa declaración da renda.

O presidente de EAPN-Galicia, Antonio Hernández, explicou que “cando se fai a declaración da renda existen catro posibilidades: marcar o recadro de Fins Sociais, marcar o recadro de Fins Sociais e o da Igrexa Católica, marcar só o cadro da Igrexa Católica ou non marcar ningún recadro”. No caso de marcar os dous recadros os cartos non se dividen, senón que se multiplican por dous, pero Antonio fixo fincapé na idea de que “é un dereito elixir que queres que se faga cos teus cartos, e non todo o mundo pon en práctica este dereito”. 

Ademais, o representante de EAPN-Galicia tamén quixo aclarar que cando se marca un recadro os contribuíntes non pagan máis impostos e tampouco lles devolven menos. “Do que hai que pagar na Declaración do IRPF, o Estado saca un 0’7% para que ti decidas en que se vai gastar”, concluíu. 

Dende aquí facemos unha firme aposta para que a poboación marque a X de Fins Sociais, posto que ese diñeiro irá integramente destinado a programas e a persoas en risco de exclusión, tanto a nivel nacional como en proxectos de cooperación e desenvolvemento. Sobre o 50% das persoas marca este recadro, e si houbese un incremento nesta opción a recadación para entidades como as que nós representamos sería moito maior. O noso argumentario é moi sinxelo: vivimos unha situación de crise acumulada e moitas persoas atópanse en risco de exclusión, sendo esta unha maneira de axudar e colaborar a sacalos desta situación” Declarou Antonio Hernández.

O Presidente do CERMI-Galicia, Anxo Queiruga, explicou que os 15.126.914 euros recadados durante o ano pasado son repartidos entre as organizacións sociais, polo que “son un importante instrumento de política social para a loita contra a exclusión social”. Ademais disto, o Presidente do CERMI-Galicia aclarou que “Son moitos os programas e son moitos os beneficios que nos aportan os recursos que veñen a X solidaria, e dende aquí  as entidades que estamos a traballar no terceiro sector pedimos e solicitamos que esa parte da sociedade galega que non marca a X Solidaria, se animen a facelo, porque non hai mellor fin que destinar unha parte dos nosos impostos a mellorar a calidade de vida de centos do persoas.”

Gema Filgueira, Presidenta da Coordinadora Galega de ONGD, realizou un balance das cifras acadadas no recadro Fins Sociais durante a declaración da renda presentada o ano pasado. Apuntou que “grazas á solidariedade das persoas que destinaron o 0’7% dos seus impostos a esta finalidade obtivéronse 15.126.914” pero engadiu que, “se ese 47% de persoas que só marcan a Igrexa ou que non marcan ningún recadro apostara polo X Solidario, a cifra aumentaría en máis de 11.518.531 euros”. “Hai 596.995 galegas e galegos que non marcan o recadro de Fins Sociais, un xesto que non custa nada, e para estas persoas vai dirixida a nosa campaña” subliñou Gema Filgueira. 
Compartir contido