24/09/2015.

O Camiño de Santiago para eliminar estigmas

A Federación de Asociacións  de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia, FEAFES, realizará por sexto ano consecutivo o Camiño de Santiago, unha actividade na que participarán arredor de 50 peregrinos entre os que se atopan persoas con enfermidade mental, monitores e un pequeno grupo de familiares.  

O percorrido comezará o mércores 30 de setembro en Salceda (O Pino) e a chegada a Compostela está prevista para o venres 2 de outubro pola mañá. O itinerario, que se corresponde co último tramo do Camiño Francés, abrangue máis de 28 quilómetros. 

Antes de iniciar a viaxe, os participantes recibirán unha documentación cos monumentos e obras arquitectónicas que atoparán ó longo do percorrido, así como das sinais de referencia para poder seguir o itinerario. Ademais, o departamento de Ocio e Deporte de FEAFES Galicia proporciónalles previamente unha guía con consellos sobre como ir ben equipados e preparados para as longas caminatas. 

Unha vez cheguen a Compostela, o venres 2, todos os participantes recibirán un certificado que acredite que percorreron ese tramo do Camiño de Santiago e asistirán á Misa do Peregrino na Catedral. A continuación, ás 12:45, haberá unha recepción no Salón Nobre do Pazo de Raxoi por parte da concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, e outros membros da corporación municipal, despois da cal os peregrinos disfrutarán dunha comida de confraternidade nun restaurante do casco histórico. 

Este é o sexto ano que o Departamento de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia organiza esta iniciativa. Desta vez participan as asociacións Apem (A Coruña, Betanzos, Cambre, Carballo e Cee), Morea (O Barco de Valdeorras), Afaes Portanova (Narón) e Andaina (Ordes e Dodro), todas elas integradas na Federación. Ademais dos usuarios das asociacións, tamén participarán nesta actividade un grupo de usuarios dos Clubs de Ocio que ten FEAFES Galicia nas súas diferentes delegacións (A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago). 

Con esta iniciativa, FEAFES Galicia quere amosar á sociedade un perfil positivo e unha imaxe normalizada das persoas con enfermidade mental, loitando así de modo activo contra o estigma social que sofren. Esta viaxe de tres días tamén serve para que as persoas con enfermidade mental realicen exercicio físico, algo moi beneficioso para a súa saúde. Así mesmo, ten un factor lúdico rehabilitador, xa que permite que os participantes se integren na sociedade e realicen actividades colectivas.  

      
Compartir contido