20/12/2018.

O Comité en Primeira Persoa de Galicia fai balance do ano

O pasado 13 de decembro, o Comité en 1ª Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia reuniuse en A Coruña para avaliar o traballo realizado durante o 2018 e comezar a pensar nos proxectos do ano que comeza. Os sete membros que o conforman déronse cita nas instalacións de Kerámicos, da asociación APEM, e disfrutaron despois dunha comida de confraternidade.

O Comité formouse en novembro do ano pasado, polo que o 2018 foi a súa primeira xeira completa en funcionamento. Por iso, na derradeira  xuntanza do ano fíxose unha análise e  valoración do traballo levado a cabo durante os últimos 12 meses, avaliando o cumprimento do Plan de Traballo que deseñaran a principios de ano.

Na actualidade, o Comité en 1ª Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia está composto por dúas persoas de Santiago, dúas de Lugo, unha de Narón, unha de Pontevedra e unha de Vigo, que se reúnen mensualmente para traballar a favor dos seus dereitos e contra o estigma asociado aos problemas de saúde mental. 

O seu primeiro ano de traballo xirou fundamentalmente en torno á comunicación interna, ao fortalecemento do propio Comité e á proxección externa do mesmo. En xeral, a valoración que fixeron dos esforzos foi positiva e amosaron moitas ganas de seguir avanzando e crecendo.
Por outra banda, na reunión tamén se esbozaron as posibles liñas de traballo de cara ao 2019: afondar nos proxectos do ano anterior e abrir novas posiblidades de intervención, visibilización e protagonismo en primeira persoa naquelas cuestións que lles atañen directamente e das cales queren e deben ser protagonistas.


Compartir contido