11/12/2019.

O Comité infórmase sobre o servizo de orientación laboral

O pasado 28 de novembro, a coordinadora de Servizos e Programas de Saúde Mental FEAFES Galicia, Carina Fernández, participou nunha charla-coloquio co Comité en Primeira Persoa da entidade para intercambiar impresións sobre a situación laboral das persoas con problemas de saúde mental.

Convidada polo propio Comité, Carina explicou a evolución e funcionamento do Servizo de Inserción Laboral e Emprego ofertado pola entidade como Centro Colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Así, comentou que Saúde Mental FEAFES Galicia comezou a traballar como Centro Colaborador do SPEG no ano 2002, atendendo entón a 55 demandantes de emprego e contando actualmente con 3.116 persoas que demandaron asesoramento dos profesionais deste servizo. Realmente, traballouse con 1.562 persoas en busca activa de emprego que recibiron accións de información e orientación laboral por parte dos 14 profesionais da orientación laboral cos que conta a entidade nas catro provincias galegas. 

O obxectivo deste coloquio foi ofrecer información aos membros do Comité en Primeira Persoa sobre o servizo de emprego especializado na atención a persoas con problemas de saúde mental, así como poder intercambiar impresións sobre as necesidades reais do colectivo para valorar posibles accións de mellora.

Accións grupais para mellorar a empregabilidade

No encontro cos membros do Comité, Carina tamén explicou que a entidade ofreceu máis de 5.000 entrevistas individuais e que cada ano realízanse máis de 30 accións grupais para favorecer a adquisición de habilidades que faciliten a mellora da empregabilidade dos participantes. O pasado 13 de novembro, por exemplo, un grupo de persoas demandantes de emprego de Lugo participaron nun obradoiro sobre “Información laboral básica” e “Recursos para a busca activa de emprego”.  
 
Este obradoiro estivo dividido en dous bloques, facilitando inicialmente información básica sobre os contratos de traballo, como entender unha nómina, interpretar unha vida laboral, etc. Na segunda parte da sesión, informouse sobre a utilidade de realizar unha Axenda de Emprego, ademais de coñecer diferentes portais web de emprego e aprender a rexistrarse correctamente.


Compartir contido