18/10/2017.

O Parlamento de Galicia comprométese coa loita contra a pobreza

O pleno do Parlamento de Galicia aprobou onte unha declaración institucional con motivo do Día Internacional para a Erradicación da Pobreza. A acción, proposta pola Rede Galega Contra a Pobreza, EAPN Galicia, da que forma parte FEAFES Galicia, contou co apoio de todos os grupos políticos da cámara autonómica.

O presidente do Parlamento, Manuel Santalices, foi o encargado de ler esta declaración institucional no pleno, onde os deputados e deputadas da cámara reiteraron o seu “compromiso unánime” para loitar “contra a pobreza extrema, na que aínda hoxe malviven máis de 1.400 millóns de persoas”.

O texto afirma que “a recuperación económica non será efectiva mentres non garanta de xeito estable o seu dereito a unha vida digna a todas e cada unha das galegas e galegos que no 2016 estaban en risco de pobreza”. Segundo o informe O estado da pobreza en Galicia 2017, a cifra de galegos en risco de pobreza ou exclusión social supera o 25%. 

A través da Declaración Institucional, os grupos políticos comprometéronse a evitar a transmisión interxeracional da pobreza. “Hai que seguir loitando para evitar que o 80% das nenas e nenos que hoxe viven en familias na pobreza estean condenados a sufrila o resto da súa vida, así como as súas fillas e fillos”.

Tamén mostraron a súa preocupación pola “crecente evolución dos prexuízos, estereotipos, intolerancia e ata desprezo polas persoas en risco de pobreza ou exclusión”, tal e como denunciaron moitas delas no último Seminario Galego de Participación e Cidadanía Inclusiva.

“As persoas non son culpables da súa pobreza. Non o son as nenas e nenos nin as súas nais e pais. Ninguén é inútil nin culpable do seu sufrimento”, conclúe o documento aprobado polo Parlamento.

O presidente de EAPN Galicia, Antonio Hernández, manifestou a súa satisfacción pola vontade de chegar a un acordo de todas as forzas políticas, e de escoitar as denuncias e demandas das persoas e risco de pobreza ou exclusión que inspiraron a declaración: “Confiamos en que a filosofía hoxe asumida por unanimidade implique un maior esforzo na loita contra as causas da pobreza e os prexuízos e mentiras que sofren as persoas que a padecen”.

Texto Completo da Declaración institucional.



Compartir contido