01/07/2020.

O Programa de Habilidades Prelaborais 2019/2020 chega á súa fin

O Programa de Habilidades Prelaborais, cofinanciado pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo, atende as necesidades que teñen as persoas con problemas de saúde mental de adquirir formación prelaboral e habilidades da vida cotiá que lles permitan mellorar a súa empregabilidade e as preparen para unha futura inserción sociolaboral.

Deste xeito, durante o último ano, traballouse cun total de 34 persoas nas cidades de A Coruña, Santiago e Vigo ás que se lles fixo unha valoración inicial para posteriormente deseñar o seu itinerario, asignarlle as accións formativas e os recursos de apoio necesarios, ofrecerlle acompañamento e facer un seguimento e revisión continua dos obxectivos propostos. 

As persoas que participaron no programa son demandantes de emprego en situación de especial vulnerabilidade ou risco social, coas que se traballaron as áreas de desenvolvemento persoal e social, a área básica e a área prelaboral. Ademais das accións de información, asesoramento, acompañamento e orientación laboral, no marco deste programa realizáronse un total de 15 cursos comprendidos en 5 accións formativas: habilidades sociolaborais, habilidades da vida diaria, psicoeducación, manexo das TICS e igualdade e inclusión social.

Durante o período do estado de alarma provocado pola COVID-19, tanto as persoas participantes como o persoal técnico tiveron que adaptar a metodoloxía de traballo á nova situación, desenvolvendo as accións establecidas de xeito telemático e empregando ferramentas de comunicación como o teléfono, as videochamadas, Jitsy, Webex, etc. 

Neste contexto, foi fundamental ofrecer apoio ás persoas usuarias para poder acceder aos recursos de forma efectiva, pois o obxectivo principal era non perder o contacto e seguir traballando na mellora das competencias sociolaborais. Os resultados obtidos neste senso foron óptimos, logrando que a gran maioría das persoas participantes acadasen un aproveitamento apto.

O Proxecto de Habilidades Prelaborais para Persoas con Problemas de Saúde Mental está cofinanciado pola Consellería de Política Social (a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade) e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo do FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9: “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”.




Compartir contido