29/09/2017.

O alcalde Martiño Noriega recibe a 60 peregrinos pola saúde mental



Arredor de 60 peregrinos, entre os que se atopan persoas con enfermidade mental, monitores e familiares, realizaron o Camiño de Santiago para chegar hoxe, venres 29 de setembro, a Compostela. Trátase dunha actividade organizada pola federación galega de saúde mental, FEAFES Galicia, que se realiza por oitavo ano consecutivo tras a gran aceptación e participación que recibiu nas anteriores edicións.

A viaxe comezou o pasado mércores 27 de setembro en Salceda (O Pino) e culminou hoxe coa chegada á Praza do Obradoiro arredor das 11:00 da mañá. Unha vez alí, todos os peregrinos recibiron un certificado que acredita que percorreron 28 quilómetros do Camiño de Santiago. 

Tras acudir á Misa do Peregrino aqueles que quixeron, ás 13:00 foron recibidos no Salón Nobre do Pazo de Raxoi polo alcalde, Martiño Noriega, e a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, que deron a benvida aos peregrinos. Nesta recepción interviñeron Antonio Hernándeze Marcos Díaz, un dos peregrinos usuarios de FEAFES Galicia. Todos eles explicaron o beneficiosa que resulta esta experiencia e o importante que é loitar contra os obstáculos cos que se atopan as persoas con enfermidade mental no seu día a día.

Un dos principais obxectivos desta iniciativa, organizada polo Servizo de Ocio e Deportes de FEAFES Galicia, é amosar á sociedade un perfil positivo e unha imaxe normalizada das persoas con enfermidade mental, loitando así de modo activo contra o estigma social que sofren. Ademais, esta actividade serve para reivindicar a creación, mantemento e desenvolvemento de recursos orientados á recuperación das persoas con problemas de saúde mental e para demandar que dispoñan dunha atención integral con continuidade nos coidados.

Esta viaxe de tres días tamén permite que as persoas con enfermidade mental realicen exercicio físico, algo moi beneficioso para a súa saúde. Así mesmo, ten un factor lúdico rehabilitador, xa que serve para que os participantes se integren na sociedade e realicen actividades colectivas. De feito, ao longo destes días, os arredor de 60 participantes puideron coñecer peregrinos de todos os lugares do mundo e intercambiar experiencias con eles, ademais de gozar da natureza.

Os participantes desta oitava edición do Camiño de Santiago pertencen ás asociacións Avelaíña, Morea, Andaina, Apem e Saúde Mental Ferrol, todas elas integradas en FEAFES Galicia. Ademais, foron acompañados por un grupo de usuarios dos Clubs de Ocio que a federación ten nas delegacións de A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago.


Compartir contido