08/10/2018.

O alumnado do Punto Formativo Incorpora 2018 recibe os seus diplomas



Este luns, 8 de outubro, celebrouse en Compostela o acto de clausura do Punto Formativo Incorpora 2018, no cal se realizou un curso de dependente, auxiliar de caixa e reposición no que participaron 16 persoas. O mesmo acto tivo lugar na Coruña o pasado 26 de setembro, clausurando o curso de auxiliar de dependente, reposición e almacén no que se formaron 17 persoas. Entre ambos cursos, un total de 12 participantes lograron acceder a 21 contratos de traballo.

Esta acción formativa, enmarcada dentro do Programa Incorpora de Obra Social “la Caixa”, ten como finalidade mellorar a empregabilidade daquelas persoas que se atopan en risco de exclusión social e que non poden acceder a outras accións formativas, tratando de ampliar así as súas posibilidades de inserción laboral. Nestes dous cursos participaron persoas pertencentes ás entidades Igaxes, COGAMI, Érguete, Juan Soñador e Saúde Mental FEAFES Galicia.

A formación, que contou cun total de 300 horas, estivo xestionada por Saúde Mental FEAFES Galicia e desenvolveuse ao longo de tres meses. Durante ese tempo, os alumnos adquiriron os coñecementos necesarios para realizar actividades auxiliares de venda, reposición e acondicionamento en puntos de venta e almacén, prestando unha axeitada información e atención ao cliente.

A formación teórica estivo complementada por 80 horas de prácticas non laborais en diversas empresas onde os alumnos puxeron en práctica as facultades adquiridas e coñeceron de primeira man o funcionamento das empresas do sector.

Nos actos de clausura, realizouse unha presentación do Punto Formativo Incorpora e das accións implementadas, amosando os seus resultados e agradecendo a colaboración das empresas participantes. Igualmente, leváronse a cabo mesas redondas e coloquios onde os participantes expuxeron as súas impresións e intercambiaron experiencias sobre a realización do curso e as perspectivas laborais actuais.
Compartir contido