20/12/2019.

O alumnado do Punto Formativo Incorpora 2019 recibe os seus diplomas

Este mércores, 19 de decembro, celebrouse no Centro Cívico de Eirís (A Coruña) o acto de clausura do Punto Formativo Incorpora 2019, no cal se realizou un curso de experto/a en limpeza de inmobles, cristais e superficies industriais no que participaron 14 persoas. 

Esta acción formativa, enmarcada dentro do Programa Incorpora de “la Caixa”, ten como finalidade mellorar a empregabilidade daquelas persoas que se atopan en risco de exclusión social e que non poden acceder a outras accións formativas, tratando de ampliar así as súas posibilidades de inserción laboral. Neste curso participaron persoas pertencentes ás entidades Igaxes, COGAMI e Juan Soñador.

No acto de clausura, realizouse unha presentación do Punto Formativo Incorpora e dos obxectivos marcados, facendo tamén unha revisión da acción formativa realizada: temporalización, número de participantes, empresas colaboradoras e resultados. Tamén participou unha representante da empresa CIP, encargada da impartición da parte técnica e colaboradora nas prácticas.

No encontro, os participantes puideron compartir as súas experiencias, valorar as partes teórica e práctica do curso e debater sobre as perspectivas de traballo no sector. Catro dos 14 alumnos que realizaron o curso conseguiron un emprego, e en varios casos as empresas nas que realizaron prácticas amosaron interese de contratación a curto prazo. 


Compartir contido