03/05/2019.

O artista mariñán Xolo exhibe unha escolma da súa obra en Compostela

O artista mariñán Xolo, usuario da asociación de saúde mental A Mariña, inaugura o vindeiro martes 7 de maio a mostra pictórica “Sensacións”, unha escolma de 15 cadros que o artista foi realizando ao longo da súa dilatada traxectoria. 

A exposición poderá visitarse do 7 ao 31 de maio de 2019 na Tapería A Avoa (Rúa das Casas Reais nº 18) en Santiago de Compostela. O martes 7 de maio celebrarase un acto de inauguración ás 17h, no cal intervirá o propio artista, Xolo, e a directora técnica da asociación A Mariña, María José Novoa.
 
Os cadros que se poderán visitar nesta mostra son pintura ao óleo e presentan unha temática variada, se ben en todos eles destaca especialmente o estilo do autor: composicións de imaxes de cores con pinceladas puntillistas e liñas ondulantes. “Esta mostra está composta por 15 obras escollidas entre máis de 600 cadros, e agardo que a xente goce véndoa tanto como eu o fixen mentres creaba”, declara Xolo.

Unha vida dedicada á arte

Xolo naceu en Ourol e recoñece que “a arte é toda a miña vida”. Tal e como relata el mesmo, comezou a súa carreira artística aos 5 anos; aos 8 mercou as súas primeiras acuarelas e fixo unha copia dunha obra de Velázquez. Tras gañar múltiples concursos artísticos na súa etapa escolar, en 1987 trasladouse a Salamanca para estudiar Belas Artes. A finais do 2º curso, unha enfermidade mental impediulle seguir pintando ata 2005, cando retoma a pintura e comeza a expoñer cun notable éxito.

Dende que forma parte da asociación de saúde mental A Mariña, Xolo participou en numerosos certames de pintura e realizou exposicións en diversos lugares da comarca mariñá. “Esta é a primeira vez que expoño en Santiago de Compostela, a capital de Galicia, e estou moi agradecido por poder ensinar aquí a miña obra e labor”, asegura.

Neste senso, Xolo e a asociación A Mariña queren agradecer especialmente a colaboración de Chema, xerente do local A Avoa, por abrir as portas do seu establecemento a esta exposición, así como pola súa sensibilidade e empatía cara as persoas con problemas de saúde mental.



Compartir contido