24/09/2018.

O primeiro premio de Tenis de Mesa viaxa ata Redondela

O pavillón Campo da Serra de Narón foi, o pasado venres, escenario do VIII Campionato de Tenis de Mesa organizado pola asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal e pola federación Saúde Mental FEAFES Galicia. Tratouse dun encontro lúdico e deportivo no que participaron nove entidades de saúde mental procedentes de toda a comunidade autónoma.

Un total de 51 usuarios das asociacións Alba (Pontevedra), Alume (Lugo), Andaina (Dodro e Ordes), APEM (Cee), Avelaíña (A Guarda), Doa (Vigo e Cangas), Lenda (Redondela), Saúde Mental FEAFES Galicia (Santiago de Compostela) e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal (Narón), trasladáronse ata a comarca ferrolá para gozar desta xornada. A eles sumáronse outras tantas persoas acompañantes que disfrutaron do evento dende as gradas.

O torneo comezou ás 9:30 da mañá e foi arredor das 13:30 cando se proclamou campión Jaime Viqueira, pertencente á asociación Lenda de Redondela. En segundo lugar quedou Manolo Aneiros, da asociación anfitriona Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal. O terceiro posto, pola súa banda, foi compartido por tres xogadores: Manuel Abril de Doa, Tano Rivera de Alume e José Luís Melón de Doa.

Os trofeos, realizados no obradoiro de madeira da asociación, foron entregados por Divina Amenedo, directora de Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal; e José Mauriz, representante da devandita asociación no Comité en 1ª Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia. A maiores dos trofeos que recibiron os campións, todos os asistentes foron agasallados cunha medalla para premiar a súa participación, e a continuación, celebrouse un xantar de convivencia.

O Campionato de Tenis de Mesa ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, as asociacións de Saúde Mental FEAFES Galicia amosan á sociedade a imaxe máis positiva das persoas con problemas de saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se lles asocian.


Compartir contido