29/03/2017.

O programa #Descubre chega aos institutos galegos

O programa  “#Descubre: non bloquees a túa saúde mental” chega ás aulas dos institutos galegos da man de FEAFES Galicia. Trátase dunha iniciativa de carácter estatal, impulsada pola Confederación Saúde Mental España que conta coa cofinanciación do Plan Nacional sobre Drogas do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.

O obxectivo principal desta iniciativa é sensibilizar e previr adiccións e problemas de saúde mental no contexto educativo. Para iso, os profesionais de FEAFES Galicia acudirán a centros educativos para ofrecer unhas sesións informativas dirixidas a alumnos e docentes.

A través de diferentes materiais didácticos, darase información rigorosa sobre saúde mental, ofreceranse as pautas para poder recoñecer de forma temperá a aparición de trastornos mentais nos máis novos e facilitaranse as claves necesarias para facer máis comprensibles os problemas de saúde mental e sensibilizar sobre eles.

En Santiago de Compostela, a campaña #Descubre achegarase a catro centros educativos ao longo dos meses de marzo, abril e maio. Concretamente, o xoves 30 de marzo FEAFES Galicia impartirá tres charlas no colexio Compañía de María a un total de 90 alumnos e docentes, mentres que o venres 31 estará no I.E.S. Rosalía de Castro. O 20 de abril, pola súa banda, haberá tres charlas no I.E.S. As Fontiñas a un total de 65 alumnos e profesores, mentres que o 30 de maio realizaranse dúas charlas no I.E.S. Eduardo Pondal das que se beneficiarán 58 persoas. Igualmente, a campaña #Descubre levarase a cabo na zona de Ferrolterra da man de AFAES Portanova e nas localidades de Cee, Vimianzo e Betanzos grazas á asociación APEM.

Esta iniciativa xorde da necesidade de educar en saúde mental desde a infancia e a adolescencia. Facer chegar esta información directamente ao alumnado dos centros e a quen participa da súa vida diaria, como son os profesores, é a mellor forma de que coñezan esta realidade e de que teñan as ferramentas necesarias para traballar ao redor da prevención das enfermidades mentais.

Materiais didácticos e divulgativos

Cadernos, calendarios, carteis e dípticos conforman os materiais editados para a realización destas charlas, ademais dunhas postais recortables nas que os alumnos que reciban esta formación poderán escribir as súas impresións, dúbidas, comentarios, etc. Estas postais serán recollidas por FEAFES Galicia para que sirvan de fonte directa á hora de mellorar o programa e os seus contidos para próximas edicións.

Cun deseño actual e moi orientado aos adolescentes, preténdese chegar ao máximo de mozos posibles coa fin de que reciban toda a información necesaria para coidar a súa saúde mental e saber de que modo pode afectar o consumo de estupefacientes á aparición de problemas de saúde mental en idades temperás.


Compartir contido