07/02/2019.

O programa Incorpora facilita 861 empregos a persoas en risco de exclusión

O programa de integración laboral de ”la  Caixa”, Incorpora, facilitou 861 postos de traballo a persoas vulnerables en Galicia ao longo de 2018, fronte aos 672 do 2017, o cal supón un incremento do 28%. Isto foi posible grazas á implicación de 426 empresas galegas neste proxecto de responsabilidade social. 

Das 861 insercións realizadas en 2018 a través do programa Incorpora en Galicia, 524 foron de mulleres e 337 de homes. Ademais, 248 das insercións foron de persoas con algunha discapacidade, e 613 de persoas en risco ou situación de exclusión.

”la  Caixa” vén de renovar o acordo de colaboración para desenvolver o programa Incorpora con 8 entidades sociais de Galicia dedicadas á integración laboral de persoas con especiais dificultades para atopar traballo. En concreto, as entidades son: Juan Soñador, Saúde Mental FEAFES Galicia, COGAMI, Igaxes, Érguete, Cruz Vermella Lugo, APES e Cruz Vermella Ourense. 

Incorpora ofrece ás empresas un servizo gratuíto de asesoramento e acompañamento en accións de responsabilidade social, neste caso centradas na integración laboral de persoas en situación de vulnerabilidade, como persoas con discapacidade, mozos en risco de exclusión, vítimas de violencia de xénero, parados de longa duración e exreclusos, entre outros.

Incorpora ten como principal obxectivo tender pontes entre as empresas e as entidades sociais que se dedican á integración laboral co fin de crear un clima de entendemento e colaboración entre ambas que redunde en oportunidades para quen máis o necesitan.

Os técnicos de inserción laboral, figuras clave 

O técnico de inserción laboral é unha figura esencial no programa Incorpora. Del depende o éxito tanto da persoa contratada como da empresa contratante. No caso de Galicia, creouse unha rede con 31 destes profesionais

A inserción de cada persoa no mercado laboral constitúe un proceso personalizado que inclúe actuacións simultáneas e posteriores á contratación. Entre as tarefas que realizan os técnicos de inserción laboral, inclúense a prospección de empresas, o seguimento do proceso de formación da persoa beneficiaria, o acompañamento laboral das persoas inseridas, a solución dos posibles conflitos que poidan xurdir no marco da relación laboral e o fomento da colaboración de novas empresas no programa.


Compartir contido