20/01/2019.

O zume de Andaina, recoñecido co selo CRAEGA

Andaina comeza o ano cunha boa nova, e é que os zumes e bebidas fermentadas que elaboran no seu Centro Especial de Emprego foron recoñecidos co selo do CRAEGA do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, o órgano encargado do control e certificación das producións ecolóxicas en Galicia.

Unha produción ecolóxica é aquela que respecta o medio ambiente conservando a fertilidade do solo, optimizando o emprego dos recursos e evitando os produtos químicos de síntese. Deste xeito, a agricultura ecolóxica ofrece aos consumidores un produto sá e de máxima calidade, elaborado nun ambiente equilibrado e sen contaminación.

O Centro Especial de Emprego de Andaina é unha empresa social recoñecida pola Xunta de Galicia que ten por obxectivo insertar no mercado laboral ás persoas con problemas de saúde mental. Nel, os traballadores elaboran bebidas fermentadas e zumes, pasando previamente por un período de formación e prácticas no que adquiren os coñecementos necesarios para desenvolver as súas tarefas.

Mercando produtos naturais como os do Centro Especial de Emprego de Andaina, colabórase cun proxecto social a favor da integración laboral das persoas con enfermidade mental, a dinamización do rural e a conservación da natureza. A tramitación de pedidos pódese realizar a través do correo electrónico andainapsm@gmail.com ou ben chamando ao teléfono 981 802 078.
?

Compartir contido