11/04/2019.

Obradoiros de cerámica abertos en Fonte da Virxe



Este ano, a asociación compostelá Fonte da Virxe cumpre 25 anos de atención ás persoas con problemas de saúde mental e aos seus familiares. Para celebralo, está a preparar unha serie de actividades que inclúen obradoiros artísticos colaborativos e unha gran romaría.

Na devandita romaría, que se celebrará o 29 de xuño, inaugurarase un banco de cerámica elaborado para a ocasión que se colocará no entorno da Fonte da Virxe, unha área natural acondicionada e aberta ao público recentemente no barrio de Conxo. 

Este espazo, do que tomou o seu nome a asociación, formaba parte dos xardíns do Hospital Psiquiátrico. Era unha zona de paseo e distensión para as persoas internas e  foi tamén onde se comezaron a reunir os familiares a mediados dos anos oitenta do século pasado para organizarse e apoiar unha atención sociocomunitaria alternativa á existente.

25 anos despois, a asociación Fonte da Virxe ten as súas instalacións principais no barrio de San Pedro. É alí onde abrirá as súas portas durante os meses de abril e maio para convidar a toda a cidadanía a elaborar pezas de cerámica que compoñerán o banco conmemorativo do aniversario

Esta iniciativa xurdiu da man de Jose Blanco e Marta Zaera, responsables dos talleres de cerámica e coiro de Fonte da Virxe. Para dar forma ao banco, contaron coa axuda de Carlos Selas, que se encargou de facer o deseño gráfico. 

O banco pretende evocar as arcadas que durante moitos anos caracterizaron o recuncho orixinal de Fonte da Virxe. Será un gran semicírculo de tres metros de diámetro e no seu perímetro exterior levantarase unha estrutura de albanelería, a cal irá recuberta polas pezas de cerámica de gres realizadas artesanalmente nos obradoiros participativos.

Estes talleres de participación aberta realizaranse todos os martes e venres de abril e maio en horario de 10:15 a 12:45 e de 16:00 a 18:30. Non obstante, se alguén está interesado en participar noutros horarios, poderá contactar coa asociación chamado ao 981 884 239.

Ademais de todas as persoas que participen nos talleres abertos, Fonte da Virxe conta co apoio especial da asociación Itínera, que axudará a facer a estrutura do banco, e do Departamento de Terapia Ocupacional do Hospital Psiquiátrico de Conxo, que participará na elaboración das lousas cerámicas da cobertura.

Para máis información sobre o banco, picar aquí.
Para máis información sobre o 25 aniversario de Fonte da Virxe, picar aquí.
Compartir contido