20/12/2018.

Obradoiros para achegarse ao emprego

O pasado 5 de decembro, un grupo de 6 persoas usuarias de Saúde Mental FEAFES Galicia en Lugo, participaron nun taller de entrevistas laborais coa fin de mellorar as súas habilidades para superar con éxito os procesos de selección de persoal.

Trátase dunha acción grupal enmarcada nas actividades de Información, Orientación e Asesoramento para a Busca de Emprego (IOBE), financiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG). 

Nesta sesión, traballáronse os aspectos que hai que ter en conta antes, durante e despois das entrevistas de traballo. Para poñer en práctica os coñecementos, fixéronse simulacións nas que os participantes se enfrontaron a preguntas propias das entrevistas e outras preguntas “trampa” coas que se poderían atopar nestas situacións. Tamén se traballaron, de xeito práctico, as dinámicas de grupo na selección de persoal, practicando cuestións como o consenso, a interacción e a argumentación dos participantes.
 
Unha semana despois, o 12 de decembro, foi a quenda de A Coruña, onde se levou a cabo un taller de Motivación e Técnicas para a Busca Activa de Emprego no marco das accións do IOBE. Neste caso participaron outras 6 persoas con discapacidade por enfermidade mental que se atopan en situación de desemprego. 


Compartir contido