05/07/2018.

Os alumnos do Programa de Habilidades Prelaborais reciben os seus diplomas



O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou na entrega de diplomas ás persoas con discapacidade que completaron durante os anos 2017 e 2018 os proxectos de formación e asesoramento prelaboral desenvolvidos polas entidades de iniciativa social e subvencionados pola Administración autonómica. O acto, ao que tamén asistiu a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez, tivo lugar onte na Sala Obradoiro do Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia.

Nesta segunda edición, un total de 624 alumnos e alumnas participaron nos cursos para a mellora da empregabilidade que realizaron as 11 entidades do ámbito da discapacidade que concorreron a esta programa: COGAMI, FADEMGA, ACOPROS, Down Galicia, ASCM, FAXPG, Saúde Mental FEAFES Galicia, Integra, Itínera, Amicos e Limisi Diversidade Funcional. 

No caso de Saúde Mental FEAFES Galicia, foron 36 persoas con problemas de saúde mental de A Coruña, Santiago e Vigo os que participaron no Programa de Habilidades Prelaborais, cuxo obxectivo é mellorar as súas competencias e habilidades para poder insertarse nun futuro no mundo laboral, así como adquirir ferramentas e destrezas para abordar a busca de emprego dun xeito produtivo e eficaz.

Na súa intervención, Rey Varela apuntou que o obxectivo da Xunta de Galicia “é que as persoas que máis o precisan, melloren a súa calidade de vida a través da mellora das súas habilidades e da incorporación ao mundo laboral”. Así mesmo, o conselleiro engadiu que “esta meta será froito do traballo en común co resto de administracións así como coas entidades sociais de Galicia, porque elas son as que mellor coñecen a realidade das persoas con discapacidade”.

O Proxecto de Habilidades Prelaborais que desenvolve Saúde Mental FEAFES Galicia responde a unha subvención para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciada pola Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo do FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9: “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”. 


Compartir contido