04/04/2019.

“Os medios de comunicación son a clave para acabar co estigma da saúde mental”



A Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA, en colaboración coa Fundación do Español Urxente (Fundéu BBVA), celebrou onte, día 3 de abril, un coloquio sobre o tratamento da saúde mental nos medios de comunicación na sede da Axencia EFE en Madrid.

Este acto, ao que tamén asistiu a raíña Dona Letizia como parte do seu compromiso coa saúde mental e o labor da Confederación, reuniu a xornalistas e profesionais da comunicación de distintos medios e a persoas con problemas de saúde mental, quen compartiron os seus puntos de vista sobre o tratamento desta realidade nos medios de comunicación.

O encontro foi inaugurado polo coordinador xeral da Fundación do Español Urxente, Javier  Lascuraín e o presidente de SALUD MENTAL ESPAÑA, Nel A. González Zapico, quen asinaron un acordo de colaboración para impulsar de forma conxunta un correcto tratamento lingüístico da saúde mental en pezas informativas.

No coloquio, moderado por Javier Tovar, xefe de EFE Salud, participaron Isabel Quintairos -representante a nivel estatal do Comité en Primeira Persoa de Saúde Mental FEAFES Galicia- e  Basilio García, ambos os integrantes do Comité Prol Saúde Mental en Primeira Persoa de SALUD MENTAL ESPAÑA, así como Judith González, de Fundéu BBVA. 

Ao finalizar, abriuse un debate co público, no que persoas con experiencia propia deron o seu testemuño acerca dos problemas de saúde mental e xornalistas e profesionais da comunicación puideron consultar as súas dúbidas acerca do tratamento máis correcto destes temas. 

Isabel Quintairos apuntou que “os medios de comunicación trátannos coma se fósemos transparentes ou menores de idade, prefiren falar con especialistas da saúde ou cos nosos familiares; ignórannos”. Como solución a este problema, Isabel teno claro: “Falar desde a  empatía e dedicar tempo a formarse”, é a mensaxe que lanza aos profesionais dos medios de comunicación.

O presidente da Axencia EFE, Fernando Garea, foi o responsable de pechar este evento, no que SALUD MENTAL ESPAÑA presentou ademais a “Guía de estilo sobre saúde mental para medios de comunicación: as palabras si importan” unha ferramenta de consulta rápida para xornalistas e todas aquelas persoas interesadas en como informar acerca dos problemas de saúde mental.

As palabras si importan

O obxectivo desta guía é “ofrecer a xornalistas datos e claves sobre o uso da linguaxe máis adecuada á hora de informar acerca de temas ou aspectos relacionados coa saúde mental” explicou o presidente da Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA, Nel A. González Zapico.

“Os medios de comunicación xogan un papel fundamental e definitorio á hora de acabar con ese estigma” aclara. Para González Zapico, utilizar as palabras adecuadas, ofrecer información con carácter positivo que promocione o coidado da saúde mental, evitar a estigmatización a través de imaxes, dar datos contrastados ou permitir que sexan as persoas con trastorno mental as que conten as súas propias historias, son algunhas das claves que poden axudar a romper esta lacra definitivamente.

Desde hoxe, a Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA pon a disposición de todas as persoas interesadas a web www.comunicalasaludmental.org na que se pode consultar gratuitamente todo o contido da “Guía de estilo sobre saúde mental para medios de comunicación: as palabras si importan”.

Nesta web facilítanse propostas de uso da linguaxe, exemplos de imaxes que poden acompañar ás informacións e temas que poden resultar de interese para tratar en medios de comunicación. Ofrécense ademais os testemuños reais de persoas con problemas de saúde mental e exemplos de campañas e boas prácticas que xa se levaron a cabo ao redor desta realidade.

Vía Confederación Salud Mental España.
Compartir contido