14/10/2020.

PO FSE Galicia 2014-2020 Inviste no teu futuro

Proxecto de Inclusión Social 2020/2021

O proxecto “Inclusión Social: Atención Integral a Persoas con Discapacidade por Enfermidade Mental” está cofinanciado pola Consellería de Política Social, o Fondo Social Europeo e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco dos programas operativos FSE Galicia 2014-2020 e Feder Galicia 2014-2020 no seu obxectivo “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”.

Este proxecto pretende dar resposta á situación pola que atravesan as persoas con problemas de saúde mental en Galicia, atendendo as súas necesidades e demandas específicas e facilitando o apoio necesario para a súa correcta inclusión sociolaboral. Está baseado na necesidade de proporcionar ás persoas usuarias información sobre os problemas de saúde mental, sintomatoloxía ou a importancia da adherencia ao tratamento, así como atención especializada en canto a servizos e recursos dos que dispoñen, asesoramento sobre trámites, xestións, asesoramento legal ou calquera outra consulta, dando resposta directamente ou derivándoos ao dispositivo adecuado.

Dá cobertura a un perfil de persoas heteroxéneo e complexo en canto á procedencia, idade e problemáticas (mulleres, persoas tuteladas, persoas sen fogar, persoas en grave risco de exclusión social, etc.) onde son necesarias estratexias de afrontamento innovadoras e creativas adaptadas á nova realidade de exclusión social. Para iso, conta con dúas liñas de acción: itinerarios personalizados de inclusión para persoas con problemas de saúde mental e itinerarios personalizados de inclusión para persoas sen fogar con problemas de saúde mental.


Programa Operativo de Emprego Xuvenil 2019 

O programa operativo de emprego xuvenil, que conta co apoio da Consellería de Economía,  Emprego e Industria e o confinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo, ten como obxectivo o fomento da contratación de persoas menores de 30 anos para favorecer a súa inserción no mercado laboral. 

Para logralo, esta convocatoria de subvencións conta co Programa Operativo de Emprego Xuvenil, dirixido a mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas. Grazas a este programa, Saúde Mental FEAFES Galicia conta, dende o 1 de outubro e por un período de sete meses, cunha nova técnico de administración e finanzas que traballará a xornada completa na delegación de A Coruña. 

A nova compañeira realizará funcións administrativas no marco do servizo de atención integral a persoas con problemas de saúde mental e as súas familias, encargándose de labores como información e atención telefónica e persoal, xestión documental e de bases de datos, trámites administrativos, seguimento e mantemento de servizos e oficinas, comunicación e correspondencia, apoio na presentación e xustificación de subvencións, etc.



Programa de Habilidades Prelaborais 2019/2020

O “Programa de Habilidades Prelaborais para a Inclusión Sociolaboral Plena de Persoas con Discapacidade a causa de Enfermidade Mental” trata de dar resposta á situación pola que atravesan as persoas con problemas de saúde mental en Galicia, atendendo ás necesidades concretas de formación prelaboral e de habilidades da vida cotiá que faciliten a súa futura inserción sociolaboral.

Para iso, ponse en marcha un sistema de intervención baseado na información, asesoramento, acompañamento, formación e orientación laboral de persoas con discapacidade a causa de enfermidade mental, que sexan demandantes de emprego e estean en situación de especial vulnerabilidade ou risco social. Participan un total de 30 persoas das delegacións de Vigo, Santiago e A Coruña, con quen se traballa a través de itinerarios personalizados.

O Programa de Habilidades Prelaborais responde a unha subvención para o desenvolvemento de proxectos de asesoramento e formación de persoas con discapacidade na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciada pola Consellería de Política Social (a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade) e o Fondo Social Europeo no marco do Programa Operativo do FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9: “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”.


Compartir contido