20/05/2016.

Pintura e escultura a favor de A Creba

Este venres 13 de maio, o Coliseum Noela de Noia acolle a inauguración dunha exposición colectiva de pintura e escultura que ten por obxecto recadar fondos para as actividades que leva a cabo a asociación A Creba. 

Un total de 27 artistas recoñecidos, entre os que se atopan nomes como o de Veiras Manteiga, Alfonso Costa, Peña Romay, Tareixa Taboada, Pedro García Losada ou Jorge Agra, fan posible esta mostra, na que a asociación levará o 45% das vendas das pezas dos autores.

O acto inaugural terá lugar ás 20:00 e tras el, a mostra poderá visitarse ata o 17 de xuño en horario de luns a venres de 18:30 a 21:00 e sábados de 12:30 a 14:00. A exposición está coordinada por Cristina Carballedo e, nela, o sector cultural mostra unha vez máis a súa faceta máis solidaria.

Asociación A Creba

A Creba fundouse en 1994 por iniciativa dun grupo de profesionais e de familiares de persoas con enfermidades mentais, que buscaban tanto orientación como apoio profesional e a posibilidade de dispoñer de recursos máis completos e integrais que aqueles aos que podía acceder cada un individualmente. Co tempo, a asociación creceu (en tamaño, en experiencia e en eficacia), foise profesionalizando e puido reunir medios materiais e humanos de calidade cos que realizar o seu labor.

   
Compartir contido