30/05/2016.

Prácticas en empresas para achegarse ao mundo laboral

Un total de 20 usuarios de FEAFES Galicia, pertencentes á delegación de Lugo, están a realizar prácticas non laborais nas empresas ALLENTUM, CLECE, BALIDEA, CALFENSA, LACERA e URBASER. Trátase dunha iniciativa enmarcada no programa Juntos Somos Capaces de Fundación MAPFRE que conta co respaldo do Concello de Lugo.

Grazas a esta iniciativa, estas persoas que se atopan en risco de exclusión social e en situación de desemprego de longa duración, poden desempeñar prácticas non laborais en empresas con posibilidade de contratación. 

Deste xeito, están a adquirir experiencia en tarefas relacionadas coa xardinería, limpeza xeral, limpeza viaria, mantemento informático e xestión de eventos. Para iso, reciben o apoio e seguimento necesario por parte dos profesionais especializados de FEAFES Galicia.

    

Prácticas non laborais

As prácticas non laborais permiten promover o desenvolvemento profesional dos seus participantes desde unha perspectiva eminentemente práctica, a través da aprendizaxe en situacións laborais reais, favorecendo a consolidación de coñecementos e a adquisición e fortalecemento de hábitos laborais e habilidades interpersoais, factores crave para o rendemento e o encaixe de calquera traballador nun posto de traballo.

Á súa vez, ofréceselles ás empresas colaboradoras a oportunidade de incorporar persoal cunha determinada cualificación e coa vantaxe adicional de ser formado dende o inicio no marco da súa cultura organizacional, enriquecendo o seu capital humano. As prácticas non laborais tamén permiten eliminar o descoñecemento e prexuízos existentes na sociedade sobre as capacidades laborais e produtivas das persoas cunha discapacidade por enfermidade mental.

    
Compartir contido