13/04/2018.

Punto Formativo Incorpora: unha ponte cara o mundo laboral

Durante os vindeiros meses, un total de 40 persoas con dificultades de acceso ao emprego participarán en dous cursos de capacitación laboral no marco do Punto Formativo Incorpora. Estas accións formativas, enmarcadas dentro do Programa Incorpora de Obra Social “la Caixa”, teñen como finalidade mellorar a empregabilidade daquelas persoas que se atopan en risco de exclusión social e que non poden acceder a outra formación, tratando de ampliar así as súas posibilidades de inserción laboral. 

En Santiago de Compostela estase a realizar o curso “Dependente, Auxiliar de Caixa e Reposición”, no que participan 20 usuarios de FEAFES Galicia, COGAMI e Igaxes. Neste curso, os alumnos poderán adquirir os coñecementos necesarios para realizar actividades auxiliares de venda, caixa, reposición e acondicionamento dos puntos de comercialización. Aprenderán, ademais, a ofrecer unha atención e información axeitada ao cliente, adaptándose aos requisitos propios dos traballos de cara ao público.

Na Coruña, pola súa banda, o curso ofertado é de “Auxiliar de Dependente, Reposición e Almacén”, ao cal asisten outros 20 usuarios de FEAFES Galicia, Juan Soñador, COGAMI, Érguete e Igaxes. Ao longo deste tempo, os alumnos adquirirán os coñecementos necesarios para realizar actividades de almacenaxe, manipulación e desprazamento de mercancías, aprendendo a utilizar os medios técnicos e as ferramentas correspondentes.

Ámbolos dous cursos constan de 300 horas formativas, das cales 80 son prácticas non laborais en empresas. Comezaron en abril e desenvolveranse ata finais de xuño, período durante o cal os participantes adquirirán os coñecementos e competencias necesarias para acceder ao mercado laboral nos sectores para os que foron formados.


Compartir contido