31/08/2015.

Quentando motores para o III Campionato de Pingpong


A asociación Doa e FEAFES Galicia celebran o venres 11 de setembro o III Campionato de Pingpong dirixido a persoas con enfermidade mental.  Este evento consiste nun encontro lúdico e deportivo no que participarán sete asociacións procedentes de toda a comunidade autónoma. 

O torneo terá lugar no Pavillón de Romarigo, en Cangas do Morrazo, de 10:30 a 14:15, previo quencemento que comezará ás 10:00. Ao longo da mañá desenvolveranse unha serie de partidos individuais nos que se enfrontarán un total de 50 participantes. Tras a celebración do campionato, ás 14:15 terá lugar a entrega de premios, e ás 15:00 os asistentes celebrarán un xantar de convivencia no Camping Cangas da Praia de Liméns. 

As entidades organizadoras estiman que a este evento acudirán arredor de 100 persoas entre participantes e acompañantes, todos eles pertencentes a sete asociacións e delegacións de FEAFES Galicia: Alba (Pontevedra), Apem (Cee), Avelaíña (A Guardia e Baiona), Doa (Cangas e Vigo), FEAFES Santiago, Morea (O Barco de Valdeorras) e Portanova (Narón).

Este Campionato de Pingpong ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con enfermidade mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, o movemento asociativo FEAFES amosa á sociedade galega a imaxe máis positiva das persoas con enfermidade mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a estas persoas.

As actividades de ocio e deporte que organizan FEAFES Galicia e as súas asociacións membro axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ós familiares na súa tarefa de coidadores.



Compartir contido