26/11/2019.

Reflexionamos sobre a violencia contra as mulleres

A propósito do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a delegación de Saúde Mental FEAFES Galicia en Vigo organizou un acto de visibilización e reflexión coa fin de chamar a atención sobre as violencias machistas ás que están expostas as mulleres con problemas de saúde mental.

No marco do proxecto de Atención Integral a Mulleres con Enfermidade Mental en Situación de Vulnerabilidade, financiado pola Secretaría Xeral de Igualdade, un total de 12 persoas usuarias da entidade participaron nesta actividade realizada o propio 25 de novembro.

O acto constou dunha presentación inicial, na que se explicou por que se conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres e a que nos referimos cando falamos de violencia de xénero. A continuación, realizouse unha dinámica grupal que inspirou unha reflexión colectiva e participativa sobre a violencia contra as mulleres e a súa relación coa saúde mental, ao tempo que se desmontaron mitos relacionados con esta realidade. 

Igualmente, durante os días previos ao 25N, colocouse na oficina de Saúde Mental FEAFES Galicia en Vigo un mural no que as persoas usuarias puideron compartir ideas, testemuños ou impresións sobre a violencia de xénero, ao tempo que dispuñan de material informativo para consultar e levar á casa.

Para estas actividades empregáronse os materiais da campaña #NosotrasSíContamos, posta en marcha pola Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA a propósito desta conmemoración.


Compartir contido